Hoxe é Mércores 26 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As alfombreiras de Santa Mariña ultiman unha nova alfombra floral para as festas das Angustias

A3

Fotos de Afonso Conde

A composición poderá contemplarse este domingo, 30 de agosto, no adro da capela, coincidindo coa celebración da Virxe das Angustias

As festas das Angustias volverán deixar esta fin de semana unha das imaxes máis tradicionais de Santa Mariña coa elaboración da xa habitual alfombra floral no adro da capela. As alfombreiras da parroquia ultiman estes días os preparativos dunha composición que se realizará durante a noite do sábado e que poderá contemplarse ao longo da xornada do domingo, coincidindo coa celebración da Virxe das Angustias.

O grupo está capitaneado por Merchi Mouriño e integrado por Eva, Tita, Loli, Antonia, Cris, Fita, Dani e Kiko, todas elas con experiencia na elaboración das alfombras florais do Corpus de Redondela. Para sacar adiante o traballo tamén contan coa colaboración puntual da veciñanza, como a da casa da Laranxeira, situada detrás da capela, que lles cede un espazo para debullar e almacenar parte dos materiais.

As alfombreiras levan preto de tres anos elaborando por iniciativa propia esta alfombra de Santa Mariña. Desde comezos de agosto están inmersas na preparación dos deseños e na recollida de tuias, flores e outros elementos vexetais que posteriormente darán forma á composición. Un traballo que require numerosas horas de preparación antes de chegar á noite na que se monta a alfombra.

A tradición mantense grazas ao compromiso do grupo, que recoñece que conta con escaso apoio por parte do Concello e da parroquia. De feito, cando se lles pregunta polo nome do equipo, responden con humor que poderían chamarse “Último Ano”, xa que cada edición aseguran que será a última, aínda que finalmente regresan ao ano seguinte para continuar coa tradición.

O deseño da alfombra cambia en cada edición. O pasado ano a protagonista foi unha pomba da paz, mentres que hai dous anos a composición estivo dedicada á cuncha de vieira. A súa localización, xunto á capela e ao paso do Camiño de Santiago, fai que a alfombra sexa tamén unha das primeiras imaxes que atopan numerosas peregrinas e peregrinos ao seu paso por Santa Mariña.

As celebracións da Virxe das Angustias serán o domingo 30

A elaboración da alfombra enmárcase no programa relixioso das festas das Angustias, que este ano ten como día grande o domingo 30 de agosto. A programación inclúe dúas misas na capela, ás 11:00 e ás 12:00 horas, sendo esta última a celebración que dará paso á procesión da Virxe das Angustias, acompañada pola Banda Municipal de Redondela.

Previamente, a parroquia está a celebrar a tradicional novena, que se desenvolve desde o 21 ata o 29 de agosto. As misas da novena teñen lugar ás 20:00 horas, mentres que o rosario se celebra ás 19:30 horas.

San Roque pechará o programa relixioso o 31 de agosto

As celebracións continuarán o luns 31 de agosto, coa festividade de San Roque. A programación inclúe tamén dúas misas, ás 11:00 e ás 12:00 horas, e unha posterior procesión, nesta ocasión acompañada pola agrupación Sons do Castro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará