A Asociación de Veciños de Chapela celebra este xoves 27 de agosto unha nova edición do certame, que repartirá agasallos entre as tres mellores creacións
A Asociación de Veciños de Chapela prepara para este xoves 27 de agosto unha das citas máis doces do verán: a segunda edición do Concurso de Repostería Caseira, este ano dedicada ás elaboracións con froita.
O certame está aberto ás persoas afeccionadas á cociña que queiran presentar a súa mellor sobremesa e competir por entrar no TOP 3 das mellores creacións. A proposta busca, ademais, fomentar a participación veciñal e poñer en valor a creatividade na cociña caseira.
O concurso terá lugar ás 18:30 horas na sede da Asociación de Veciños de Chapela, na antiga estación. As elaboracións serán valoradas por un xurado composto por catro persoas, dúas delas profesionais, que puntuarán cada proposta cunha nota de 0 a 10.
As tres creacións que obteñan as mellores puntuacións recibirán agasallos, polo que a organización anima a participar a todas aquelas persoas que teñan unha sobremesa con froita coa que sorprender ao xurado.
A iniciativa conta tamén coa colaboración de varios establecementos locais: Caracas Bakery, Frutas Gómez, Manzanó e Dolce Differenza. Desde a asociación agradecen o apoio do comercio de proximidade, fundamental para poder sacar adiante esta segunda edición.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse ou solicitar máis información chamando ou enviando unha mensaxe ao 635 482 269.
A proposta está pensada tanto para quen queira competir como para quen simplemente queira achegarse a desfrutar dunha tarde de repostería, sabor e participación veciñal en Chapela.










