Hoxe é Mércores 26 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Concello inviste máis de 185.000 euros na mellora de dous camiños de Reboreda

Camiño.Casal.2b599d67-e625-4370-9120-a12d4f340372

As obras no Camiño do Casal e na Estrada da Quintana renovarán máis de 5.600 metros cadrados de pavimento e incluirán novas solucións para a recollida de augas pluviais

O Concello de Redondela adxudicou por 185.864,55 euros as obras de mellora e pavimentación de dous viarios da parroquia de Reboreda: o Camiño do Casal, no barrio de Asnelle de Abaixo, e a Estrada da Quintana. Os traballos, que xa están contratados, permitirán actuar sobre máis de 5.600 metros cadrados de superficie e mellorar tanto o estado do firme como a drenaxe das vías.

A actuación de maior contía corresponde ao Camiño do Casal, cun investimento de 143.756 euros. O proxecto contempla a renovación de 3.672 metros cadrados de pavimento ao longo de 660 metros, ademais da instalación dunha nova rede de recollida de augas pluviais de 420 metros.

A intervención tamén permitirá ampliar o viario nun tramo en curva, mediante a construción de muros de contención de granito. O obxectivo é mellorar as condicións de circulación e seguridade nun punto no que a configuración actual da vía dificulta a mobilidade.

Na Estrada da Quintana, cun orzamento de 42.108 euros, actuarase sobre un tramo de 400 metros, desde o número 102 ata o encontro co Camiño Poza do Monico. Neste caso renovarase a capa de rodaxe, taparase a cuneta existente mediante tubaxe de PVC e instalaranse novos elementos de drenaxe.

Desde o Concello destacan que as actuacións non se limitarán á renovación superficial do firme. A mellora das redes de evacuación de augas pretende evitar que a auga provoque un deterioro prematuro do pavimento e reducir o risco de asolagamentos nas propiedades próximas aos camiños.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, cualificou as obras como unha actuación prioritaria para o rural e sinalou que o Goberno local busca “equiparar as condicións de vida, mobilidade e servizos de todas as parroquias”. A rexedora tamén incidiu na importancia de manter os camiños interiores en condicións adecuadas de seguridade e accesibilidade para favorecer a mobilidade diaria da veciñanza.

Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, salientou o carácter integral das intervencións, especialmente no Camiño do Casal, onde ademais da pavimentación se actuará sobre a drenaxe e sobre a propia configuración da vía.

As obras forman parte do plan municipal de investimento nas parroquias, dotado con 2,7 millóns de euros, e está previsto que a execución dos traballos se coordine para reducir na medida do posible as afeccións ao tráfico en Reboreda mentres duren as actuacións.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará