Hoxe é Mércores 26 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

VIT Dominó conquista o título sénior no XLVII Mundialito da Xunqueira

WhatsApp Image 2026-08-26 at 18.15.18

Fotos de Josefa Calvar

O Mundialito da Xunqueira puxo o punto final á súa 47ª edición cunha xornada de finais, entrega de medallas e trofeos e un ambiente festivo que encheu a pista da Xunqueira. O torneo, organizado polo Redondela Fútbol Sala e o Concello de Redondela, volveu converter durante o verán este espazo nun punto de encontro para centos de xogadores, familias e afeccionados. A organización destaca o balance positivo dunha competición que reúne cada ano equipos de diferentes puntos da comarca. (

O responsable da organización e coordinador do club, Fer Pitart, fai tamén unha valoración positiva desta edición. Segundo explica, o Mundialito volveu contar cunha importante participación e, no caso das categorías de base, chegaron a reunirse arredor de 600 nenos e nenas, mentres que nas categorías de maiores a cifra superou os 200 participantes. Os equipos procedían principalmente de Redondela, Vigo, Pontevedra e Nigrán, con xogadores procedentes tanto do fútbol sala como do fútbol.

Durante a competición disputáronse unha media de dez partidos diarios nas categorías de base. A organización tamén apostou por unha fase de consolación para que os equipos tivesen máis oportunidades de competir e para ampliar o número de recoñecementos. Segundo Pitarte, cada categoría contou con numerosos trofeos individuais e colectivos, ademais das medallas para os participantes.

Os campións das categorías Cadete e Sénior

En Cadete, o título foi para Payas Ferreiro, mentres que Casa Paco Rodavigo quedou como subcampión e Recambios Ochoa ocupou o terceiro posto.

En Sénior, o campión da Xunqueira foi VIT Dominó, que se impuxo por 6-4 a O Funil na final. O terceiro posto foi para Sanma FS, mentres que Churrasquería Lareira terminou cuarta. A final confirmou ademais o relevo no palmarés sénior, despois de varias edicións nas que La Quinta de Vigo viña dominando a categoría.

No apartado individual, Iker Escudero foi elixido mellor xogador da categoría Sénior, mentres que Borja, porteiro de O Funil, recibiu o premio ao mellor porteiro.

As categorías de base completan o palmarés

Na categoría Biberón, o título foi para Cios Vigo, con Santiaguiño como subcampión e Casa Paco A no terceiro posto. O cuarto posto foi para Bar Rivas. Na fase de consolación, o campión foi Soutoma, seguido de Casa Paco B e Cesantiños. Os premios individuais recaeron en Thiago Costas Campo, como mellor xogador, e Theo Nantet Vieira, como mellor porteiro.

En Prebenxamín, Rápidos da Ría proclamouse campión, por diante de T. Parlitas, mentres que Cios Vigo foi terceiro e Casa Paco A, cuarto. A consolación foi para Stgo Apóstol, con Casa Paco C como subcampión. Erik Piñeiro foi elixido mellor xogador e Nico Docampo, mellor porteiro.

No torneo Benxamín, o título foi para Catapeixe, con Parla como subcampión, Mapfre Miñán Asesores no terceiro posto e Los Leones no cuarto. Na fase de consolación impúxose La Creación, seguida de Barciela Decoraciones, Stgo Apóstol e Somos Mos. Os premios individuais foron para Javi Pazos, mellor xogador, e Anxo Fragueiro, mellor porteiro.

En Alevín, o campión foi Campito Mos, acompañado no podio por Parla, como subcampión, e Chapela Agreicon, no terceiro posto. FTV Futsal terminou cuarto. Na consolación venceu Os de Sempre, por diante de Stgo Apóstol, Berberechos e Lelate. Marcos Costas foi distinguido como mellor xogador e Xoel Alonso, como mellor porteiro.

Finalmente, en Infantil, La Paz FS conquistou o título. Bull-Sport foi subcampión, Orka Velas Team terceiro e Santiaguiño, cuarto. Na fase de consolación, Mangantes levou o primeiro posto e Leñas FC o segundo. Os premios individuais foron para Adrián Jiménez, como mellor xogador, e Antón Barreiro, como mellor porteiro.

Unha final con moito público

A xornada final deixou, segundo Pitart, unha das imaxes máis destacadas desta edición: a pista da Xunqueira chea de público e equipos durante a entrega de premios. A organización preparou unha carpa con música durante os partidos e os descansos e, unha vez rematada a competición infantil, reuniu os equipos na pista para realizar a entrega de medallas e trofeos.

A edición pechouse sen lesións graves nin incidentes destacados. Pitarte salienta tamén o comportamento dos participantes e asegura que houbo “equipos destacables a nivel de deportividade” en todas as categorías.

Un torneo que mira xa á 48ª edición

A organización xa pensa na próxima edición, que será a 48ª. O principal obxectivo será corrixir os erros de este ano, especialmente os relacionados coa planificación dos cruces e coa organización das categorías de base, para conseguir que toda a competición sexa máis clara desde o primeiro momento.

Pitart explica que a intención non é modificar a esencia do torneo, senón manter o seu carácter aberto, familiar e participativo. Para a próxima edición, un dos obxectivos será incrementar a presenza da categoría Chupetes, que este ano tivo unha participación reducida e na que só se realizaron dúas exhibicións.

O responsable do torneo anima tanto á veciñanza de Redondela como ás persoas procedentes doutros municipios a seguir achegándose á Xunqueira. “Para o ano, máis e seguro que mellor”, remata Pitart.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará