Foto de Aitor Arrizabalaga para a Liga ACT
Chapela viviu en Zarautz unha fin de semana complicada que deixa a traiñeira berete nunha situación límite na Liga ACT. A embarcación redondelá foi penúltima o sábado e última o domingo, quedando a cinco puntos de Ares a falta de dúas regatas.
O tropezo de Chapela foi aproveitado por Ares, o principal rival dos redondeláns nas últimas semanas de loita pola permanencia. Os coruñeses conseguiron meter dúas traiñeiras por diante dos de Redondela, Itsasoko e Ondarroa, ampliando a vantaxe ata os cinco puntos cando só restan dúas regatas para a final da competición.
O presidente do Club de Remo Chapela, Antonio Viaño, recoñece que os resultados de Zarautz non foron os esperados e complican a situación do equipo. “Deportivamente non nos foi nada ben. Fixemos dous últimos postos e os rivais que tiñamos máis preto, Ares e San Xoán, fixeron mellores resultados e colleron máis vantaxe da que tiñan”, explica.
San Xoán, pola súa banda, foi sétimo en augas vascas e queda practicamente salvado. Ares ten agora moi de cara a sétima posición e, con ela, a oportunidade de disputar a promoción para manterse na máxima categoría do remo.
Chapela ten actualmente a San Xoán a once puntos e Ares a cinco, aínda que a situación é algo máis complicada no caso dun empate a puntos, xa que o conxunto coruñés conta coa vantaxe particular. “Agora estamos un pouco fastidiados”, admite Viaño, que lembra que o obxectivo nas dúas últimas citas será evitar o descenso directo e conseguir acceder ao playoff de permanencia.
Ares chegou a afrontar o último longo na cabeza e acabou cun tempo de 20:52.86, mentres que San Xoán entrou por diante cun 20:52.44. Itsasoko empregou catro segundos máis, mentres Chapela se foi ata os 21:10.62, quedando practicamente igualada con Ondarroa, que marcou 21:10.31.
Os dous foron os únicos barcos que necesitaron máis de 21 minutos para completar o percorrido, nunha mostra das dificultades que atopou a embarcación de Chapela durante toda a xornada.
A pesar da situación, desde o club non dan a batalla por perdida. Ares é o rival máis próximo e está a cinco puntos, unha distancia que, segundo Viaño, aínda permite manter aberta a porta ao playoff. “Non se poden durmir porque, como se despisten, poderiamos ter un bo día e os que quedarían en última posición serían eles. Nós teriamos unha oportunidade de aspirar ao playoff”, sinala.
O presidente do Club de Remo Chapela asegura que o equipo afrontará as dúas últimas regatas coa intención de competir ata o final. “Está difícil, pero non é imposible. Imos ir con esas ganas de vender caro o traballo que fixemos”, afirma Viaño.
A Liga ACT chegará á súa fin o vindeiro fin de semana coas bandeiras de Barbanza, en Boiro, e de Ares. Chapela chega a estas dúas últimas citas a cinco puntos do seu rival directo e sen apenas marxe de erro. O escenario é, polo tanto, moi complicado, pero a permanencia aínda está ao alcance da traiñeira berete.









