Foto de Kim Miller na gala
Máis de 40.000 persoas participaron nunha xornada marcada pola música, os disfraces e un ambiente festivo que se estendeu por toda a vila
O Entroido de Verán de Redondela volveu converterse nun dos grandes acontecementos do calendario estival da comarca. O Concello fai un balance “moi positivo” dunha xornada na que máis de 40.000 persoas ateigaron as rúas e os diferentes espazos habilitados na vila para desfrutar das actividades infantís e familiares, os concertos, as sesións de DJs e a tradicional Gala Drag.
A música foi unha das grandes protagonistas da celebración, cun multitudinario concerto de Ráfaga que congregou milleiros de persoas. As diferentes prazas da vila mantiveron durante toda a xornada un ambiente festivo, contribuíndo tamén a dinamizar a actividade comercial e hostaleira.
Desde o Concello salientan o traballo desenvolvido para garantir o correcto funcionamento da celebración e destacan que a xornada transcorreu sen incidentes de gravidade. O amplo dispositivo de seguridade, limpeza e atención sanitaria contou coa participación da Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil, Protección Civil e persoal sanitario.
Kim Miller coróase na Gala Drag
Un dos momentos máis agardados da noite foi, un ano máis, a Gala Drag de Redondela, que volveu encher o escenario de fantasía, creatividade e espectáculo. As nove participantes presentaron propostas marcadas polas elaboradas caracterizacións, as coreografías e a posta en escena, consolidando o certame como unha das citas máis destacadas deste tipo en Galicia.
O primeiro premio, dotado con 1.000 euros, foi para a Drag Kim Miller, coa fantasía “Aplaudide á Raíña”. O segundo posto e 500 euros recaeron en Drag Ketty Ponn, mentres que a Drag Ketty Pinn conseguiu o terceiro premio, dotado con 300 euros.
O cuarto posto foi para o Drag Trío “As Marinitas“, que recibiu 200 euros. En total, o certame repartiu 2.000 euros en premios e contou por segundo ano consecutivo co actor e showman Carlos Veleiro como mestre de cerimonias, ademais da actuación de Carolina Smith como artista convidada.
Desde o Concello destacan que o nivel artístico da Gala Drag “supera as expectativas ano tras ano” e consideran que o evento contribúe a consolidar Redondela como un espazo de liberdade, diversidade e vangarda cultural, capaz de atraer cada edición a milleiros de persoas.
O goberno local quixo agradecer publicamente o traballo realizado polo persoal municipal e polos diferentes corpos e servizos que participaron no dispositivo especial, así como a colaboración da cidadanía para facer posible o desenvolvemento da celebración.
Por outra banda, as oficinas da Policía Local de Redondela recolleron numerosos obxectos perdidos durante a xornada, entre eles carteiras, documentación e teléfonos móbiles, que permanecerán depositados para facilitar a súa recuperación polos seus propietarios.












