O BOE oficializa a protección das illas de Redondela polo seu pasado como penal franquista, por onde pasaron máis de 5.600 presos e morreron máis de 517 persoas. A declaración de San Simón e San Antón como Lugar de Memoria Democrática implica a instalación de paneis e recursos interpretativos, audiovisuais e dixitais para divulgar a historia do antigo penal e recoñecer ás súas vítimas, así como a promoción de novos usos vinculados á difusión, investigación e educación en materia de memoria democrática. A resolución, publicada hoxe no BOE, destaca tamén o papel das Madriñas como exemplo de resistencia, solidariedade e apoio ás vítimas da represión franquista.
As illas de San Simón e Santo Antón xa forman oficialmente parte dos Lugares de Memoria Democrática. A declaración, acordada pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática o pasado 6 de agosto, aparece publicada este venres no Boletín Oficial del Estado (BOE).
A resolución recoñece o valor histórico e memorial das dúas illas, especialmente polo papel que desempeñaron como penal franquista durante a Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura. San Simón funcionou como cárcere entre outubro de 1936 e o 15 de marzo de 1943, converténdose nun dos principais centros de reclusión do franquismo en Galicia.
Estímase que máis de 5.600 presos pasaron polo penal ao longo dos seus anos de funcionamento. A cifra de reclusos chegou a superar os 2.000 internos simultaneamente durante as etapas de maior saturación, especialmente tras a caída do fronte norte e a chegada de numerosos presos procedentes de Asturias e Euskadi.
A situación no interior do penal estivo marcada polo hacinamento, a falta de alimentos e as deficientes condicións de vida. A maior parte dos internos eran persoas maiores, especialmente durante os últimos anos de funcionamento da prisión. A documentación oficial contabiliza máis de 517 mortes dentro do penal, ás que se engaden as persoas vítimas de “paseos” e fusilamentos.
O Delegado do goberno en Galicia, Pedro blanco, destaca que este declaración constitúe “un acto de xustiza e reparación cara todas as vítimas”.
As Madriñas de Cesantes
A resolución estatal destaca tamén un aspecto especialmente vinculado á memoria da veciñanza de Redondela: o papel das familias da contorna e, especialmente, das mulleres de Cesantes coñecidas como as “madrinas”.
Estas mulleres acudían á illa para proporcionar aos presos alimentos e roupa e, nalgúns casos, exercían como enlace entre os reclusos e as súas familias, que residían noutros puntos de Galicia ou do resto de España.
Deste xeito, San Simón non queda recoñecida unicamente como un lugar de represión e reclusión, senón tamén como un espazo de resistencia, solidariedade e apoio ás vítimas da represión franquista.
Protección, sinalización e divulgación
A declaración abrangue a totalidade da superficie das illas de San Simón e Santo Antón e incorpora o enclave ao Inventario de Lugares de Memoria Democrática.
Entre as medidas previstas figura a instalación de placas, paneis e elementos interpretativos, así como a creación de recursos audiovisuais e dixitais que permitan divulgar a historia do penal e recoñecer ás súas vítimas.
A Secretaría de Estado de Memoria Democrática tamén incorporará ao seu portal web información sobre o enclave, incluíndo a súa localización, fotografías e materiais audiovisuais. Ademais, promoverá a integración de San Simón en circuitos internacionais vinculados á memoria democrática.
A declaración non implica cambios nos usos actuais das illas, aínda que establece que calquera actividade deberá ser compatible coa preservación da memoria das vítimas, o recoñecemento e a reparación moral e os principios de verdade, xustiza e reparación.
A declaración fora iniciada formalmente en agosto de 2025 e queda agora definitivamente aprobada coa súa publicación no BOE. Con este recoñecemento, San Simón consolida oficialmente o seu carácter de espazo de memoria e testemuño da represión franquista en Galicia.










Unha resposta
Van duplicar traballo, facendo outra web, non entendo? Xa saíu en Radio Redondela a nova a web https://memoriademocratica.redondela.gal/ e ten identificadas 2 madriñas e 411 persoas que estiveron en San Simón. A ver se non duplican traballos, e chegan recursos para completar a información.