O bambán do miradoiro do Outeiro Grande xa volve estar dispoñible para a veciñanza tras finalizaren os traballos de reparación da estrutura, que quedara estragada tras romper a viga de madeira maciza que sostén a cadeira. Malia as críticas que apuntan a un mal mantemento como causa do deterioro e colapso da estrutura, o Concello asegura que “esta instalación cumpre estritamente con toda a normativa de seguridade vixente e está deseñada para soportar ata 400 quilos de peso”. Engade que “a peza non presentaba ningún tipo de deterioro previo”.
A rotura do travesaño horizontal do bambán produciuse o día da eclipse. Dende o Concello explican que, tal e como determinan os informes técnicos, a causa da rotura foi o uso inadecuado da instalación “a viga superior partiu por un exceso de peso provocado ao cargar elementos ou persoas sobre ela” que superaron os 400 quilos que pode soportar esta estrutura.
A versión municipal foi cuestionada por varios veciños a través das redes sociais. Estes apuntaron ao posible deterioro da madeira polo paso do tempo e pola exposición ás condicións ambientais, así como á ausencia do mantemento axeitado.
En todo caso, o goberno local fai un chamamento ao civismo e ao respecto polo mobiliario urbano e lembra que os danos nos equipamentos públicos xeran gastos de reparación que acaba asumindo o conxunto da cidadanía.
Coa reparación xa rematada, o banco recupera o seu uso nun dos puntos de lecer e interese turístico máis destacados da contorna. O miradoiro do Outeiro Grande ofrece amplas panorámicas sobre a ría de Vigo, a enseada de San Simón e a ponte de Rande.










Unha resposta
Habería que ler que pon nese informe do concello. Do que se especulaba na nova do outro día parece que nada, houbo aviso ao concello e cedeu polo uso.