Hoxe é Xoves 20 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O novo contrato do SAF de Soutomaior ascende a 1’4 millóns e permitirá atender todas as persoas dependentes de grao 2 e 3

saf souto

O Concello adxudicou o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar á empresa Idades por un período de dous anos, prorrogable outros dous, por un importe de máis de 1,4 millóns de euros. O novo contrato, que entrará en vigor a partir do 1 de setembro, supón unha mellora no servizo de axuda no fogar e permitirá atender a todas as persoas dependentes en situación 2 e 3. As horas de atención pasarán das 18.100 existentes no ano 2022 ás 30.050 horas contempladas no novo contrato, o que supón un incremento do 66,02%.

O novo contrato supón un importante reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, tanto en recursos económicos como no número de horas de atención dispoñibles, e permitirá que todas as persoas dependentes en situación 2 e 3 poidan contar con este servizo, eliminando as listas de espera existentes e dando resposta ás necesidades de numerosas familias de Soutomaior.

Este aumento da capacidade do servizo vai acompañado dun importante esforzo económico. O Concello pasou de destinar aproximadamente 802.000 euros á atención das persoas maiores dependentes cando entrou o actual Goberno municipal a superar os 1,4 millóns de euros coa nova contratación.

O SAF ofrece atención personalizada ás persoas usuarias, acompañamento e apoio nas tarefas básicas da vida diaria, favorecendo a súa autonomía persoal, a súa permanencia no domicilio e mellorando a súa calidade de vida, ao tempo que proporciona apoio ás familias coidadoras.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinala que “a atención dos nosos maiores é unha obriga moral para o noso Goberno. A pesar de que estamos a falar dunha competencia impropia, que corresponde á Xunta, en Soutomaior temos claro que imos actuar con responsabilidade e defender a atención das nosas persoas maiores”.

“Con este novo contrato damos un paso fundamental, porque permitirá que todas as persoas maiores en situación de dependencia 2 e 3 poidan contar co Servizo de Axuda no Fogar, eliminando unhas listas de espera que supuñan situacións moi difíciles para moitas familias”, engade o alcalde.

Para máis información sobre o Servizo de Axuda no Fogar, as persoas interesadas poden contactar cos Servizos Sociais municipais no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos), en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou a través do teléfono 986 705 106.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará