A infraestrutura permitirá conectar o aparcadoiro disuasorio co paseo fluvial sobre o río Maceiras mediante un itinerario accesible para peóns e financiado co Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
O Concello de Redondela deu un novo paso para a construción da pasarela peonil de Vilavella coa adxudicación do contrato de obras, unha vez rematado o proceso administrativo de licitación. Segundo informou o goberno local, a empresa encargada da actuación iniciará os traballos previos nos vindeiros días.
A nova infraestrutura permitirá comunicar de forma directa o aparcadoiro disuasorio de Vilavella co paseo fluvial, salvando o río Maceiras mediante unha pasarela deseñada para garantir un percorrido seguro e accesible. O executivo local explica que o obxectivo é favorecer os desprazamentos a pé, fomentar unha mobilidade máis sostible e contribuír á redución do tráfico rodado no centro urbano.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinala que a actuación converterase “nunha realidade inminente” e destaca que a pasarela facilitará un acceso seguro para toda a cidadanía, incluídas as persoas con problemas de mobilidade, grazas ao seu deseño accesible.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, amosa a súa satisfacción por ter completado os trámites necesarios para executar unha actuación que, segundo indica, responde a unha demanda veciñal. Villar destaca que a nova conexión ofrecerá unha alternativa máis cómoda para acceder ao centro urbano e ao paseo fluvial sen necesidade de utilizar o vehículo privado.
A actuación, que naceu dunha proposta da Agrupación de Electores de Redondela (AER), contempla unha estrutura que cruzará o río Maceiras sen apoios no leito, co obxectivo de minimizar o impacto sobre o ecosistema fluvial. O proxecto inclúe cimentacións de formigón armado, varandas de madeira de 1,10 metros de altura e pendentes suaves para garantir a accesibilidade universal, procurando ademais a integración paisaxística da infraestrutura.
O investimento ascende a 24.254 euros e será financiado a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. Segundo as previsións municipais, as obras comezarán de maneira inmediata tras a formalización da adxudicación.










