Foto do Entroido de Verán 2025
Cada vez queda menos para o Entroido de Verán de Redondela, unha das festas máis esperadas do calendario festivo e un evento que cada ano reúne milleiros de persoas nas rúas da vila. Coa vista posta na edición de 2026, o Concello continúa ultimando os preparativos e vén de abrir o prazo de inscrición para participar na Gala Drag, un dos actos máis destacados e concorridos da programación.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude entre o 31 de xullo e o 14 de agosto, ambos os dous días incluídos. O certame celebrarase o sábado 22 de agosto, coincidindo coa gran noite do Entroido de Verán, e está aberto á participación de artistas Drag Queen, Drag King e propostas de estética andróxina ou ambigua.
Segundo recollen as bases, as persoas participantes deberán ser maiores de idade e formalizar a inscrición enviando a documentación requirida ao correo electrónico cultura@redondela.gal. Xunto coa solicitude deberán achegar unha copia do DNI ou pasaporte, a folla de inscrición cuberta e a información relativa á actuación, incluíndo a proposta artística, a música e os acompañantes, cun máximo de tres persoas sobre o escenario.
A organización establece tamén unha serie de requisitos técnicos para garantir o correcto desenvolvemento da gala. Os vestiarios e elementos escénicos deberán respectar as dimensións máximas fixadas nas bases, non poderán incorporar sistemas motorizados nin elementos con alimentación eléctrica propia e quedan prohibidos materiais que poidan comprometer a seguridade do espectáculo, como pirotecnia, lume ou animais.
A Gala Drag arrancará ás 21.30 horas e repartirá premios de 1.000 euros para o primeiro posto, 500 euros para o segundo e 300 euros para o terceiro, valorándose aspectos como a creatividade, a orixinalidade, a elaboración do vestiario, a interpretación e a posta en escena.
Cada vez son máis os detalles que se coñecen sobre unha edición que promete volver converter Redondela no epicentro da festa. Polo momento, o Concello xa confirmou a actuación do grupo arxentino Ráfaga, unha das formacións internacionais máis populares do circuíto verbeneiro. O público poderá cantar e bailar ao ritmo de temas tan coñecidos como “Mentirosa”, “La Luna y Tú” ou “Maldito Corazón”, nun concerto que se perfila como un dos grandes atractivos da noite do 22 de agosto.
Mentres avanzan os preparativos da gran festa, o Concello lembra tamén que continúa aberto o prazo para que os locais de hostalaría soliciten autorización para instalar postos de bebidas (barra de bar) diante da fachada dos seus establecementos con motivo do Entroido de Verán 2026. As solicitudes poderán presentarse do 31 de xullo ao 9 de agosto, ambos os dous incluídos.









