Foto do chupinazo o día da inauguración
O Día da Cociña de Soutomaior reuniu centos de persoas arredor do talento gastronómico local tras un inicio de festas marcado polo tradicional chupinazo e a entrega das Chaves da Festa.
A III Semana Grande de Soutomaior continúa consolidándose como unha das grandes citas festivas da comarca despois dun intenso primeiro fin de semana que reuniu centos de persoas nas diferentes actividades organizadas polo Concello. Tras o acto inaugural do sábado, a programación continuou este domingo cunha xornada dedicada á gastronomía local, convertendo o Día da Cociña de Soutomaior nun dos momentos máis destacados desta edición.
As festas arrancaron oficialmente coa tradicional apertura diante da Casa do Concello, onde o chupinazo deu comezo a seis días de celebracións. Un dos momentos máis emotivos foi a entrega das Chaves da Festa, símbolo da unión entre xeracións, que nesta edición quedaron baixo a custodia de Dolores Iglesias Pazos, de 100 anos, e da pequena Aria Santoro Oliveira, de pouco máis de dous meses de vida. A continuación, a Mekanika Rolling Band protagonizou un pasarrúas ata a contorna da Igrexa do Divino Salvador, onde a Orquestra Bravú Xangai puxo o broche musical á primeira noite da Semana Grande.
O domingo estivo dedicado á gastronomía de proximidade coa celebración do Día da Cociña de Soutomaior, unha iniciativa que rende homenaxe aos cociñeiros e cociñeiras do municipio e ao papel que desempeñan como embaixadores da súa tradición culinaria. A xornada comezou cunha concorrida sesión vermú amenizada por Biversión, que deu paso a un exitoso show cooking no que participaron Joaquín Lema, Suso Falcón, Luciano Falcón, Rebeca Moares, Luís Martínez, Martín Pérez Lago e Antón Fontenla.
Durante a demostración culinaria, os profesionais ofreceron gratuitamente elaboracións elaboradas con produtos de proximidade, combinando tradición e innovación. O público puido degustar propostas como figo recheo de queixo con anchoa, culler de aguacate cremoso con salmón afumado e caviar de arenque, barquiños crocantes de gamba con tártara de lagostinos ou salmorexo de tomate con ovo, nunha actividade que espertou unha gran participación veciñal.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que esta xornada “é un recoñecemento ás cociñeiras e aos cociñeiros de Soutomaior, profesionais que levan o nome do noso concello alí onde van e que representan o talento, a calidade e a tradición da nosa gastronomía”. O rexedor sinalou ademais que a Semana Grande pretende ser “un espazo para facer comunidade, apoiar o talento local e seguir fortalecendo unha programación pensada para todas as idades”.
A programación continuou co tradicional Xantar Popular, que reuniu centos de persoas arredor da mesa nun ambiente festivo, e completouse coa actuación do Dúo A Visión, encargado de poñer música e baile ao remate da xornada.
As celebracións continuarán durante toda a semana cun programa que combina grandes actuacións musicais, tradición e actividades relixiosas. Este luns será a quenda da Orquestra Panorama e da discomóbil La Mega CDC; o mércores actuarán a Orquestra Kubo e Dolce Vita, mentres que o venres a III Semana Grande despedirase coa Orquestra París de Noia e Eme Music. Entre os días 5 e 7 de agosto tamén se celebrarán os actos relixiosos en honra da Virxe da Peneda, San Salvador e San Caetano.
Co obxectivo de facilitar a mobilidade durante as noites de maior afluencia, o Concello manterá un servizo gratuíto de autobús lanzadeira os días 3, 5 e 7 de agosto entre o Pavillón da Montesiña “Alfonso Pazos” e o Torreiro da Feira da Devesa, en Candán. Ademais, repetirase o programa Soutomaior Inclusivo, que pon á disposición da cidadanía cascos antirruído para persoas con hipersensibilidade auditiva, reforzando o compromiso da organización cunhas festas máis accesibles e inclusivas.











