O club Meigarco de Redondela volve situarse entre a elite do tiro con arco estatal tras a conquista do Campionato de España de aire libre por equipos na modalidade de arco tradicional. A redondelá Raquel Domínguez Latorre, xunto con Gracia Elena Santos Veiras e Marta Dopazo Grande, proclamouse campioa de España nunha competición na que Galicia presentou un equipo que sorprendeu polo seu alto nivel e pola compenetración das tres arqueiras.
Con só un ano de experiencia nesta disciplina, Domínguez recoñece que aínda lle custa asimilar o conseguido. “No momento en que confirmamos o título foi unha explosión de emocións. Tardas en decatarte do que acabas de conseguir”, explica. A arqueira destaca que unha das claves do éxito foi a conexión entre as tres integrantes do equipo, seleccionadas tras o Campionato Galego individual.
O camiño cara ao ouro non foi sinxelo. Galicia accedeu directamente ás eliminatorias gracias aos resultados individuais e puideron competir na final contra Madrid. “Había un nivel altísimo. Estabamos competindo coas mellores de cada comunidade e cando nos vimos con opcións fomos a por todas”, lembra. A pesar de ser o seu primeiro Campionato de España por equipos, asegura que souberon controlar os nervios e centrarse en cada frecha, un aspecto fundamental nunha modalidade que se decide por sets.
Raquel chegou ao tiro con arco case por casualidade e acabou descubrindo moito máis ca un deporte. “Enganchoume completamente. No arco todo é instinto e obrigoume a aprender a parar, a baleirar a mente e manter a calma. Cambioume a vida. É máxico”, asegura. A deportista, de 54 anos, lanza ademais unha mensaxe para quen pense que xa é tarde para iniciarse nunha nova afección. “A idade non importa, o importante son as ganas. É un deporte moi mental e calquera persoa pode practicalo”.
A campioa tamén puxo o foco na situación que atravesa o Meigarco pola falta dunha instalación cuberta para preparar a tempada de sala. Asegura que a incerteza sobre onde poderán adestrar condiciona tanto a preparación das competicións como a organización de cursos de iniciación. “É unha mágoa que un club con tantos títulos non teña onde adestrar de forma regular. Hai moita xente interesada en probar este deporte e agora mesmo non sabemos que vai pasar”, lamenta.
A pesar diso, mantén intacta a ilusión e xa pensa nos próximos retos: os campionatos galegos e o Campionato de España de sala, onde promete “dar guerra” ás mellores arqueiras do país.
Para ver en acción ao club Meigarco. O vindeiro sábado 1 de agosto celebrará nas instalacións de Pazos de Borbén o I Torneo 3D en Liña MeigArco Concello de Redondela, unha competición que toma o relevo do antigo Trofeo Concello de Redondela e que aposta agora pola modalidade de tiro con arco 3D en liña. A competición arrancará ás 17:00 horas e está previsto que remate arredor das 19:30 horas.











