Hoxe é Mércores 29 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior, Vilaboa e Pontevedra chegan a un acordo con Augas de Galicia para a nova Estación Depuradora de Arcade

Manu Lourenzo, Eva Vilaverde e César Poza

Manu Lourenzo con Eva Villaverde e César Poza

Os concellos de Soutomaior, Vilaboa e Pontevedra deron un paso decisivo para facer realidade a nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Arcade tras acadar un acordo con Augas de Galicia. A actuación, considerada estratéxica para o saneamento da Enseada de San Simón e do fondo da ría de Vigo, contará cun investimento de entre 16 e 17 millóns de euros, financiados maioritariamente con fondos europeos. Os tres municipios teñen xa asinados os convenios, polo que só restan os últimos trámites administrativos para iniciar o desenvolvemento do proxecto.

Durante a comparecencia, os tres representantes municipais puxeron en valor o consenso institucional acadado para sacar adiante unha actuación que levaba décadas sen materializarse. O rexedor de Soutomaior, Manu Lourenzo, lembrou que cando chegou ao goberno atopou un proxecto “sen os deberes feitos” e destacou o traballo conxunto realizado con Vilaboa, Pontevedra e Augas de Galicia para “desatascar unha actuación imprescindible para o futuro da ría”.

Explicou ademais que a actual depuradora funciona cun sistema obsoleto, sen tratamento secundario, vertendo directamente a un espazo protexido da Rede Natura, mentres que a nova EDAR incorporará a mellor tecnoloxía dispoñible e un tanque de tormentas que evitará alivios directos durante episodios de choiva intensa. A actuación permitirá tamén recuperar o espazo que ocupa a actual instalación na fachada marítima de Arcade, reducindo o seu impacto paisaxístico.

Desde Pontevedra, Eva Villaverde incidiu especialmente na colaboración entre tres concellos de distinta cor política, asegurando que este acordo demostra que é posible antepoñer o interese xeral ás diferenzas institucionais. Tamén advertiu de que a crecente participación económica que asume o municipalismo en proxectos impulsados pola Xunta supón un importante esforzo financeiro para os concellos e considerou necesario que outras administracións colaboren no financiamento.

Na mesma liña, César Poza subliñou que, máis alá da mellora do servizo para varias parroquias de Vilaboa, a principal transcendencia da nova EDAR reside na súa contribución ao saneamento do fondo da ría e á recuperación dun ecosistema do que dependen numerosas familias vinculadas á pesca e ao marisqueo, tanto da confraría de Arcade como da de Vilaboa.

O alcalde recoñeceu que para o seu municipio asumir unha achega próxima ao medio millón de euros representa un importante esforzo orzamentario, pero defendeu que o Concello participa “por compromiso” cun proxecto estratéxico para o medio ambiente e para o futuro económico da comarca.

Os tres responsables municipais coincidiron ademais en reclamar a incorporación da Deputación de Pontevedra ao financiamento dunha infraestrutura que consideran supramunicipal e clave para toda a provincia. Segundo as previsións actuais, a nova depuradora podería estar rematada arredor do ano 2029, dentro do calendario previsto no Plan Hidrolóxico.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará