Hoxe é Martes 28 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Aberto o prazo de inscrición para a VI Carreira Popular Infantil e a V Contrarreloxo por Equipos do CAR

551508381_18001386563810669_7135578011607329536_n

Foto da edición anterior con Ana Romasanta e alcaldesa Digna Rivas

O Club de Atletismo de Redondela (C.A.R.), coa colaboración do Concello de Redondela a través da Concellería de Deportes, ten aberto o prazo de inscrición para participar na VI Carreira Popular Infantil e na V Contrarreloxo por Equipos, dúas probas que se celebrarán o vindeiro 12 de setembro coincidindo co XIV aniversario da entidade. As inscricións poden realizarse a través da plataforma Cronotec. Como principal novidade desta edición, antes da carreira infantil celebrarase unha Carreira Inclusiva, aberta a persoas de todas as idades e condicións co obxectivo de que todo o mundo poida participar e gozar dunha xornada deportiva.

A programación comezará ás 18.00 horas coa Carreira Inclusiva e, a continuación, disputarase a VI Carreira Popular Infantil, dirixida ás categorías de base. Unha vez rematada, entregaranse os trofeos das categorías Sub-12, Sub-14 e Sub-16. Ás 20.00 horas dará comezo a V Contrarreloxo por Equipos, unha proba que manterá o percorrido das edicións anteriores, cunha volta longa e outra curta para completar uns cinco quilómetros. A presidenta do C.A.R., Ana Romasanta, explicou que na contrarreloxo “houbo anos nos que incluso participaron equipos disfrazados, polo que animamos a todos a vivir unha auténtica festa do atletismo”, sinalou.

Ademais das tradicionais cestas gourmet, os primeiros equipos clasificados das categorías masculina, feminina e mixta da contrarreloxo recibirán un premio económico de 100 euros. Os segundos clasificados obterán un vale de 60 euros para material deportivo e os terceiros un vale de 40 euros, reforzando así o atractivo competitivo da proba.

No caso da carreira infantil, Romasanta explicou que os percorridos das categorías máis pequenas volverán discorrer polas rúas de Redondela, despois de que o pasado ano se celebrasen na Alameda. A saída de todas as probas realizarase desde o paso de peóns situado diante da Casa do Concello.

A presidenta do club tamén destacou o importante traballo organizativo que hai detrás dun evento destas características. Segundo indicou, a colaboración dos voluntarios resulta “fundamental”, xunto co labor da Policía Local e de Protección Civil. “Sen o seu traballo sería imposible sacar adiante unha proba así, porque hai que coordinar moitas cousas e realizar unha montaxe importante”, afirmou.

A organización volverá apostar polo ambiente festivo que caracteriza esta cita. Os participantes na contrarreloxo disporán de avituallamento con cervexa e cortador de xamón, repetindo a fórmula do pasado ano, mentres que o club traballa para incorporar algunha sorpresa máis. Durante toda a tarde haberá tamén música a cargo dun DJ.

Ana Romasanta anima a participar.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará