Hoxe é Martes 28 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Fundación FormaVigo abre unha oficina en Redondela

WhatsApp Image 2026-07-28 at 11.40.38

A Fundación Forma Vigo vén de abrir unha oficina en Redondela co obxectivo de achegar os seus servizos á veciñanza e ofrecer unha atención máis próxima e personalizada. O novo espazo, situado no número 2 da rúa José Regojo, 3º A, permanecerá aberto de luns a venres en horario de 9:00 a 15:00 horas e permitirá centralizar os programas que a entidade leva desenvolvendo no municipio desde hai catro anos, relacionados co envellecemento activo, a inclusión social, a orientación laboral e o acceso á vivenda. As persoas interesadas poden solicitar información ou concertar unha cita no teléfono 618 133 804 ou a través do correo electrónico formacion@fundacionformavigo.com.

A coordinadora da Fundación Forma Vigo, Fernanda Couñago, explica que a apertura responde á necesidade de contar cun punto de referencia físico para a cidadanía. A oficina permitirá realizar entrevistas individualizadas, nas que cada usuario poderá expor a súa situación con privacidade antes de valorar que recursos ou programas se adaptan mellor ao seu caso, ou mesmo derivar a atención a outras entidades cando sexa necesario.

Un dos ámbitos nos que a fundación centra boa parte do seu traballo é o apoio ás persoas maiores de 55 anos. Ademais dos obradoiros de memoria, tai-chi, actividades interxeracionais ou roteiros, a entidade prepara un novo programa de acompañamento para combater a soidade non desexada e detectar situacións de vulnerabilidade. Segundo sinala Couñago, as actividades de envellecemento activo que desenvolven nas parroquias de Redondela contan xa con arredor de 600 participantes, unha cifra que evidencia a demanda existente.

A orientación laboral será outro dos piares da nova oficina. A fundación ofrece formación e acompañamento para persoas con dificultades de acceso ao emprego.

A fundación tamén porá en marcha en setembro un programa específico de acceso á vivenda, co que pretende facilitar alugueiros solidarios e fórmulas de convivencia compartida, ademais de ofrecer asesoramento burocrático e apoio ás persoas con máis dificultades. Couñago recoñece que a escaseza de oferta e o elevado prezo dos alugueiros converten este nun dos principais problemas sociais da actualidade, polo que considera imprescindible o traballo coordinado entre administracións, entidades sociais e particulares para atopar solucións.

Tras rematar en agosto as actividades de verán, a Fundación Forma Vigo retomará en setembro toda a súa programación e incorporará novos servizos en función das demandas que vaia detectando entre a veciñanza. “Estamos abertos ao que pidan ou necesiten as persoas de Redondela”, afirma Couñago, que anima á cidadanía a achegarse á nova oficina para coñecer os programas dispoñibles e propoñer novas iniciativas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará