A bandeira verde volve lucir na praia de Arealonga en Chapela. A Concellería de Medio ambiente asegura que as últimas análises realizadas o día 21 de xullo confirman o bo estado da auga e que, polo tanto, volve ser apta para o baño. As analíticas realizadas pola Consellería de Sanidade o pasado 15 de xullo detectaran a presenza de Escherichia coli (E. coli) nas súas augas polo que se decretara a prohibición do baño ata novo aviso. O goberno local confirma agora que “o problema puntual de contaminación microbiolóxica quedou resolto e os estudos amosan valores óptimos” para o baño.
O pasado mércores día 22 as autoridades sanitarias desaconsellaron o baño pola presenza da bacteria Escherichia coli (E-coli). Tras dous días de peche, hoxe venres a praia recuperou a normalidade. Así o confirmou o Concello de Redondela que, a través dun comunicado, confirma que “as últimas analíticas realizadas o día 21 de xullo, confirman que a calidade da auga cumpre escrupulosamente con todos os parámetros sanitarios esixidos pola normativa legal”.
As posibles causas do episodio de contaminación seguen sen aclararse malia que sempre que se repite esta situación contémplanse dúas opcións principais: o funcionamento da depuradora de Teis, situada a cen metros do areal ou que a bacteria chegase por unha vertedura desde algún dos dous ríos que desembocan en Arealonga: o Fondón e o Pugariño.










