Hoxe é Mércores 22 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Mércores de verán e música na rúa Pai Crespo

pai crespo

A rúa Pai Crespo volve converter este verán nun escenario ao aire libre coa celebración dunha nova edición do ciclo ” Música en Pai Crespo”, unha iniciativa impulsada conxuntamente por Disco Tasca, Agarimo e o Gastro Bar que levará concertos en directo todos os mércores dos meses de xullo e agosto. A programación busca dinamizar a actividade comercial e hostaleira da zona ao tempo que achega unha oferta cultural gratuíta e aberta a toda a veciñanza.

Segundo explican os organizadores, a proposta leva xa 17 anos celebrándose de maneira ininterrompida, converténdose nunha cita consolidada do calendario estival redondelán. Manu, da Disco Tasca, destaca que ao longo deste tempo “a rúa leva actividades culturais cun éxito de público considerable”, asegurando que durante xullo chegan a pasar por Pai Crespo “máis de mil persoas”.

Os concertos comezan ás 21.00 horas e prolongaranse aproximadamente ata as dez e media ou once da noite.

O ciclo arrancou o 1 de xullo coa actuación de L’Acusti-Kasesina e continuou o día 8 coa banda Scottish Fish Band.  As próximas citas previstas para este mes serán o 22 de xullo, coa actuación de Beutxi & The Frankies, unha formación que mestura soul e funk, e o 29 de xullo, cando subirán ao escenario Antón Lago e Xan Pérez, un dúo de guitarra e voz que, segundo o organizador, “vai sorprender”. De feito, asegura que se trata dunha formación moi recente, con menos dun ano de traxectoria, pero que considera vai a facerse cun oco na escena galega.

A programación continuará durante todo o mes de agosto cun novo cartel que incluirá grupos como The Retumbers, Acordeireta ou Micho da Rocha e Pacheco, gañadores este ano dos Premios Martín Códax da Música.

Os organizadores insisten en que o obxectivo vai máis alá da programación musical. Tras o anuncio da cancelación de concertos privados nas rúas de Vigo, Manu considera que as administracións deberían facilitar este tipo de actividades en lugar de poñer trabas. Na súa opinión, apoiar a música na rúa supón apoiar tamén o movemento cultural, os músicos e o comercio local. Lembra ademais que detrás de cada concerto hai meses de planificación e contratación, polo que as cancelacións de última hora afectan tanto aos artistas como aos promotores.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará