Hoxe é Mércores 22 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Unha veciña de Cesantes limpa o lixo da Senda do Río Pexegueiro “cansa de esperar pola administración”

lixo antes e depois

Rosa María Míguez Pintos, veciña de Cesantes, decidiu actuar pola súa conta ante a falta de resposta das administracións. Os traballos de desbroce realizados hai unha semanas na Senda do Río Pexegueiro, que pasa por diante da súa vivenda, deixaran ao descuberto un vertedoiro ilegal. Cansa de ver a acumulación de plásticos e outros refugallos, non dubidou en recollelos. “Fíxeno polos que vivimos aquí, pero tamén polos milleiros de peregrinos que pasan pola zona e levan unha imaxe lamentable de Redondela”, explica.

O pasado 16 de xullo, o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy de Cesantes denunciaba a existencia deste vertedoiro ilegal á beira da senda, nas inmediacións do Muíño do Rato, preto da curva da Pantalla. A entidade advertía de que os traballos de limpeza da vexetación realizados polas administracións deixaran á vista unha importante acumulación de residuos, principalmente plásticos, que permanecían sen retirar.

Ante esta situación, Rosa María Míguez decidiu non seguir esperando. O pasado venres percorreu o noiro da senda e foi recollendo o lixo que afeaba unha contorna pola que transitan cada día centos de peregrinos.

Segundo relata, atopou bolsas de plástico, bonecas, rodas, botellas, restos de poliespán e outros residuos que acabou depositando nos colectores correspondentes, onde, ao seu xuízo, deberían ter rematado desde o primeiro momento.

Rosa asegura que lle gustaría ter realizado esta limpeza antes, pero non puido facelo por estar convalecente dunha operación. “Doíame a alma ver aquilo nese estado; daba a impresión de estar vivindo diante dunha escombreira”, afirma, ao tempo que resta importancia ao traballo realizado, que levou a cabo en dúas quendas ao longo do pasado venres.

Agora agarda que as persoas que depositaban residuos na zona deixen de facelo e que este tramo da senda poida manterse limpo e libre de maleza.

Desde o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy de Cesantes agradeceron a iniciativa desinteresada da veciña, que limpou este tramo “ante a falta de sensibilidade e a inoperancia das administracións públicas”.

A asociación insiste ademais en reclamar ao Concello que continúe realizando as xestións necesarias para que a administración competente actúe de maneira definitiva e tome exemplo do compromiso demostrado pola veciñanza de Cesantes.

Pola súa banda, a Concellería de Medio Ambiente confirmou nos últimos días que trasladou ao Ministerio de Transportes e ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) a necesidade de actuar ante a acumulación de residuos neste tramo da senda natural. Segundo explicou o departamento municipal, ambos organismos son os propietarios dos terreos situados entre a estrada nacional e a liña de ferrocarril.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará