Foto de Aitor Arrizabalaga para a Liga ACT
O Club de Remo de Chapela completou unha nova fin de semana de competicións tanto na Liga ACT como na Liga Galega de Traiñeiras (LGT), cun balance desigual para as súas embarcacións sénior. Mentres a traiñeira A continúa acumulando experiencia na máxima categoría do remo estatal, os equipos da LGT seguen traballando para escalar chanzos na clasificación xeral.
A traiñeira A pecha a clasificación en Castro Urdiales
A Liga ACT disputou esta fin de semana a XIV Bandeira CaixaBank de Castro Urdiales, unha regata na que Urdaibai se impuxo, apertando aínda máis a loita polo liderado da competición.
Chapela volveu competir na primeira quenda xunto a Itsasoko Ama, Lekittarra e Ares. Nesta ocasión, a embarcación redondelá non puido repetir as boas sensacións da xornada anterior e finalizou na última posición da súa quenda e da clasificación xeral, ocupando o 12º posto. Ares foi undécimo.
Este resultado chega apenas unha semana despois de que o equipo dirixido por Juan Zunzunegui asinase en Zierbena o seu mellor resultado da tempada, cunha destacada sétima posición. A pesar do revés en Castro Urdiales, o equipo continúa demostrando capacidade para competir na máxima categoría e segue acumulando experiencia nunha liga de enorme esixencia deportiva.
A ACT vivirá a súa próxima xornada en augas de Redondela coa celebración da VI Bandeira Masculina Chapela – Concello de Redondela, unha das citas máis importantes da tempada para o club. A competición converterá a praia de Arealonga no centro do remo nacional durante toda a fin de semana, reunindo ás mellores traiñeiras do país nunha oportunidade única para que a afección local anime ao seu equipo.

Liga Galega de Traiñeiras, clasificación
Na Liga Galega de Traiñeiras, a embarcación sénior feminina do Club de Remo Chapela asinou unha notable actuación na XI Bandeira Feminina Concello de Redondela, disputada en augas de Arealonga. As remeiras beretes finalizaron na terceira posición, só por detrás de Salgado-Perillo, líder invicto da competición, e de Tirán-Pereira, quedando a apenas cinco segundos das vencedoras. Un resultado que confirma a boa evolución do equipo nunha liga de gran nivel competitivo e na que a nivel xeral de momento sitúanse na segunda posición da táboa, so detrlas de CR Salgado-Perillo.
Pola súa banda, a traiñeira sénior masculina B participou na XXXI Bandeira Concello de Bueu, correspondente á Liga Galega de Traiñeiras. A embarcación berete concluíu na duodécima posición, nunha regata na que Cabo da Cruz volveu demostrar o seu dominio e consolidou o liderado da clasificación xeral.










