Hoxe é Martes 14 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As queixas veciñais pola falta de seguridade na N-555 chegarán ao Congreso

pp n5555 beirarrúas

O Partido Popular levará ao Congreso dos Deputados a situación da estrada N-555 entre Redondela e o aeroporto de Peinador para reclamar ao Goberno central unha solución ás deficiencias de seguridade viaria que padecen os veciños da zona. Os deputados nacionais Irene Garrido e Pedro Puy comprometéronse coa veciñanza de Cedeira, Santo Estevo de Negros, Cabeiro e Vilar de Infesta a reclamar unha solución ante a ausencia de beiravías, a falta de mantemento, as altas velocidades e as inundacións en vivendas e propiedades.

O compromiso produciuse logo da reunión celebrada o pasado venres no que participaron os deputados populares, o presidente e portavoz do PP de Redondela, Javier Bas, e concelleiros do grupo municipal popular e no que os veciños explicaron as dificultades que afrontan diariamente nunha estrada marcada pola falta de beiravías e de espazos seguros para camiñar, a ausencia de mantemento periódico, a maleza que invade as marxes, a escasa visibilidade nalgúns puntos e a velocidade á que circulan numerosos vehículos.

Estas deficiencias resultan especialmente graves no tramo inicial comprendido entre a rotonda de Redondela e o cruce do barrio de Fortóns, onde apenas existe espazo para o tránsito peonil e onde os veciños deben compartir unha vía estreita cunha circulación constante de turismos e vehículos pesados.

As familias puxeron especial énfase na inseguridade que padecen os nenos e nenas cando deben acceder ás paradas do transporte escolar. En determinados puntos teñen que camiñar pola propia calzada ou agardar en zonas sen protección suficiente, unha situación que se agrava durante os meses de inverno, con menos luz e condicións meteorolóxicas adversas.

Na reunión denunciáronse tamén os problemas provocados pola falta dunha correcta recollida e canalización das augas pluviais. Durante os episodios de choiva, a auga procedente da estrada acumúlase ou discorre cara a distintas propiedades, provocando inundacións en vivendas, terreos e accesos.

Outro dos puntos que require unha actuación específica é o tramo de Santo Estevo de Negros situado nas proximidades da igrexa parroquial, do cemiterio e do centro cultural. Trátase dunha zona con presenza habitual de peóns e actividade veciñal na que resulta necesario mellorar os accesos e garantir desprazamentos seguros.

Irene Garrido asegurou que «tras escoitar a información trasladada polos veciños e comprobar de primeira man o estado da estrada, queda claro que a N-555 se atopa nunha situación penosa e que necesita unha actuación seria por parte do Goberno central».

A representante popular defendeu que o Ministerio de Transportes debe realizar un estudo integral de seguridade viaria de todo o percorrido entre Redondela e Peinador, que permita identificar os puntos de maior risco e establecer as prioridades de actuación.

Ese estudo deberá analizar, entre outras medidas, a creación ou ampliación de beiravías, a habilitación de itinerarios peonís seguros, as melloras da sinalización e da iluminación, as medidas para reducir a velocidade, o acondicionamento das paradas do transporte escolar, a limpeza e o desbroce das marxes e as actuacións necesarias para evitar as inundacións que afectan a vivendas e propiedades.

Pola súa banda, Javier Bas lembrou que xa defendera no Congreso unha proposta para reclamar actuacións de seguridade viaria en Santo Estevo de Negros e a realización dun estudo de todo o percorrido da N-555 que servise de base para establecer as prioridades de actuación. A proposta explicou “foi rexeitada polo PSOE” malia que nos “últimos anos producíronse diversos accidentes nesta estrada, algúns deles graves, que evidencian a necesidade de actuar”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará