Hoxe é Luns 13 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Paulo Gunche asina unha destacada actuación no Campionato de España Absoluto de Verán

WhatsApp Image 2026-07-10 at 20.40.05

O nadador do Club de Natación Redondela, Paulo Gunche, pechou cun balance moi positivo a súa participación no Campionato de España Absoluto de Verán, disputado en Palma de Mallorca, onde acadou un 11º posto na proba de 50 metros costas e un 19º posto nos 50 metros libre, dous resultados de mérito nunha competición que reuniu arredor de 650 dos mellores nadadores do panorama estatal.

A pesar de valorar o campionato de forma autocrítica, Gunche recoñece que competir por primeira vez na categoría absoluta supuxo un importante paso na súa traxectoria deportiva. “Considero que podía telo feito mellor, non foi a miña mellor competición, pero teño ganas de volver intentalo o ano que vén e conseguir mellores resultados”, explica.

Para chegar ao Campionato de España, o redondelán tivo que cumprir previamente as esixentes marcas mínimas establecidas pola Federación, un obxectivo que logrou tras unha tempada na que tamén conquistou dous terceiros postos no Campionato Galego, ademais de sumar varias medallas en diferentes trofeos autonómicos.

O salto á categoría absoluta supón, segundo destaca, unha diferenza importante respecto ás competicións de categorías inferiores. “É moi distinto porque xa non compites só contra xente da túa idade, senón contra deportistas de todas as idades. A dificultade aumenta considerablemente”, sinala. No Campionato de España participaron nadadores desde os 16 anos ata deportistas veteranos de máis de 30.

Gunche, que cumprirá 19 anos este ano, considera que o nivel competitivo está moi por riba do que se atopa habitualmente nas probas autonómicas. “Nos 50 libres, por exemplo, o récord galego este ano non estaría entre os seis mellores tempos do Campionato de España. O nivel é moi distinto”, explica.

Detrás destes resultados hai unha importante carga de traballo. O nadador adestra unhas 20 horas semanais, combinando sesións de piscina e preparación física. Este curso trasladouse a Ourense para continuar os seus estudos universitarios, o que lle obrigou a cambiar a súa rutina de adestramentos.

“Continúo pertencendo ao Club de Natación Redondela, pero agora adestro en Ourense con outro técnico.”, comenta.

De cara á próxima tempada, recoñece que aínda está a planificar como organizará os adestramentos, condicionado polos estudos, aínda que o seu obxectivo pasa por regresar ao Campionato de España cun maior nivel competitivo.

Aproveitou para lanzar unha mensaxe ás administracións públicas, reclamando un maior apoio para este deporte.  É un deporte que queda moi esquecido fronte ao fútbol ou ao baloncesto e o club está atravesando un momento complicado. Fan falta máis axudas e tamén máis nenos que se animen a practicar este deporte, que achega moito tanto á saúde física como á mental”, concluíu.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará