Hoxe é Luns 13 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O plan de pavimentación de camiños chega as parroquias de Chapela, Cabeiro, Cesantes e Reboreda

camiño 2

O Goberno local pon en marcha os primeiros proxectos do Plan de Investimentos de Camiños Municipais. Xa están adxudicadas as obras para comezar a reforma integral en Chapela do pavimento no camiño da Horta, en Río Frío, os camiños dos Lagos e Peiteados, no barrio da Igrexa, e a reparación do Camiño do Penedo, en Porto Cabeiro. Esta semana formalizaranse os contratos para os camiños de Outeiro das Penas e de San Pedro, en Cesantes, e o camiño dos Tereixos en Reboreda. O plan do Goberno local, cun investimento de 2,7 millóns de euros, permitirá reformar e mellorar un total de 68 viais en todas as parroquias do municipio.

O Concello de Redondela avanza na execución do seu Plan de Investimento nos camiños municipais coa adxudicación dos primeiros proxectos de pavimentación. As actuacións iniciais arrancarán proximamente nas parroquias de Chapela e Cabeiro.

En Chapela realizarase unha mellora integral do pavimento. A superficie a renovar será duns 500 m2. En Cabeiro executaranse dous proxectos: a renovación asfáltica e posta a punto da rede de pluviais nos camiños dos Lagos, con 200 metros de longo, e Peiteados , con 132 metros, por 29.367,80 euros. Tamén está contratada a reparación da capa de rodadura no Camiño do Penedo, de 176 metros de lonxitude en Porto Cabeiro por 25.577,89 euros.

A maiores destas obras xa adxudicadas, o executivo local formalizará esta semana outros tres contratos: en Cesantes farase a reforma integral do camiño de Outeiro das Penas e o de San Pedro, mentres que en Reboreda farase a adxudicación para a reforma do camiño dos Tereixos. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou a importancia de materializar estes primeiros contratos “que responden ás propias demandas dos veciños e veciñas e que foron aprobados por unanimidade nos respectivos Consellos Parroquiais”.

Investimento histórico nos camiños parroquiais

O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, salientou que é a primeira vez en 15 anos que se fai un investimento deste tipo nos camiños municipais das parroquias. O edil salientou ademais que “o 70% dos proxectos que se van a executar foron realizados polos propios técnicos municipais, o que significa un gran aforro para as arcas do Concello”. Villar incidiu tamén nos aspectos técnicos e de respecto ambiental do proxecto: “Non nos limitamos a botar unha nova capa de asfalto. Todas as actuacións aprobadas inclúen criterios de sostibilidade, como a modernización e ampliación das redes de augas pluviais e o uso de materiais de alta durabilidade. Con isto evitamos asolagamentos, garantimos unha maior resistencia fronte ao cambio climático e reducimos os custos de mantemento a longo prazo”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará