Hoxe é Luns 22 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Alameda de Redondela acollerá a I Feira da Saúde e o Benestar o próximo 26 de xuño

mesa saúde foto

A Mesa Local de Saúde de Redondela organiza a I Edición da Feira da Saúde e o Benestar, que se celebrará o vindeiro venres 26 de xuño na Alameda de Redondela. O evento, que conta coa colaboración do Concello e de numerosas entidades do sector social e sanitario inclúe obradoiros, charlas de prevención e un Trivial con premios, todas elas actividades gratuítas Desenvolverase en horario de mañá, de 10:00 a 13:30 h, e de tarde, de 17:00 a 20:00 h, co lema “Coidando a saúde, construímos comunidade”.

A feira arracará ás 10.00 horas e, ao longo do día, as persoas asistentes poderán participar en charlas informativas, obradoiros prácticos, mesas redondas e actividades de lecer vinculadas á promoción da saúde física, mental e social.

Entre as propostas programadas destacan a charla sobre prevención do cancro de pel, impartida pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC), e a sesión sobre o uso responsable dos medicamentos e os riscos da automedicación, a cargo do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra.

Pola súa banda, Cruz Vermella desenvolverá obradoiros de primeiros auxilios e autocoidado emocional, mentres que a Asociación Lenda promoverá distintas actividades centradas na saúde mental, incluíndo mesas redondas e partidas de petanca.

A programación tamén incluirá a lectura do Manifesto polo Día Internacional da Loita contra o Uso Indebido e Tráfico Ilícito de Drogas, organizada pola Asociación Érguete, co obxectivo de reivindicar a prevención, a educación e o apoio social como ferramentas fundamentais para combater o narcotráfico e protexer a saúde pública.

A actividade física terá igualmente un papel destacado durante a tarde coa exhibición de Tai Chi Gong organizada por ASEARPO e cun obradoiro de xerontoximnasia impartido polo CAPM de Redondela.

Un dos atractivos da xornada será o Trivial da Saúde, organizado polo Centro de Saúde de Redondela, no que as persoas participantes poderán poñer a proba os seus coñecementos sobre saúde e optar a diferentes premios mediante inscrición previa.

Desde a organización destacan que esta primeira edición nace coa vocación de consolidarse como un espazo de encontro, participación e aprendizaxe, promovendo a colaboración entre entidades, profesionais e cidadanía para avanzar cara a unha comunidade máis saudable e consciente da importancia da prevención e do benestar integral.

A Mesa Local de Saúde anima a toda a veciñanza a achegarse á Alameda e participar nunha xornada que combinará información, formación e actividades lúdicas nun ambiente aberto e participativo.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou o “traballo extraordinario e transversal” que realiza a Mesa Local de Saúde coordinando a todas as asociacións e profesionais para facer realidade esta primeira edición da feira. Esta iniciativa demostra que a prevención e o benestar “son piares fundamentais para a sociedade e para este Goberno local”.

Mañá

10:00 h – Inauguración oficial.

10:30 h – Trivial da Saúde e petanca.

11:30 h – Mesa redonda sobre saúde mental.

12:00 h – Charla sobre prevención do cancro de pel.

12:30 h – Obradoiro de primeiros auxilios.

13:15 h – Lectura do manifesto contra o narcotráfico.

Tarde

17:00 h – Exhibición de Tai Chi Gong.

17:15 h – Charla sobre uso responsable dos medicamentos.

17:30 h – Obradoiro de autocoidado emocional.

18:15 h – Mesa redonda sobre saúde mental.

18:45 h – Obradoiro de xerontoximnasia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará