O Porto de Cesantes acollerá os días 13 e 14 de xuño a celebración da II Festa Mariñeira de Cesantes, unha cita que busca poñer en valor a tradición mariñeira da parroquia e os produtos do mar a través dun programa que combinará gastronomía, música e actividades para todos os públicos.
A festa dará comezo o sábado 13 de xuño ás 20.00 horas cunha degustación de produtos do mar a prezos populares, entre os que se atoparán sardiñas, chocos e mexillóns. A partir das 21.00 horas, o ambiente festivo continuará coa actuación do Dúo Musical Fusión e coa sesión musical do DJ An-Hell, que serán os encargados de animar a noite no recinto portuario.
A programación continuará o domingo 14 de xuño. A xornada iniciarase ás 11.00 horas cun showcooking, no que os asistentes poderán coñecer diferentes propostas culinarias. A continuación celebrarase unha sesión vermú amenizada polo Grupo de Gaitas e Baile Airiños de San Simón, que achegará a música e o folclore tradicional galego á celebración.
Esta segunda edición da Festa Mariñeira busca ofrecer un espazo de encontro arredor da gastronomía mariñeira, a cultura popular e a convivencia veciñal no Porto de Cesantes.









