Hoxe é Xoves 11 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela abre a súa Feira do Libro cun chamamento a “seguir comendo libros ata fartar”

20260611_182647

Foto de Carolina Sertal, Tania Lago, Digna Rivas, José López e Rita Pérez.

A Praza do Concello de Redondela converteuse este xoves no gran escaparate da literatura galega coa inauguración dunha nova edición da Feira do Libro de Redondela, unha cita que durante catro días encherá a vila de libros, encontros con autores, música, teatro e actividades para todos os públicos. O acto de apertura reuniu á alcaldesa, Digna Rivas; ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; á libreira Tania Lago, en representación da Federación de Librarías de Galicia e das nove casetas participantes; e á xornalista redondelá Carolina Sertal, encargada de pronunciar o pregón inaugural.

Tania Lago incidiu na importancia das feiras do libro como espazos de convivencia cultural que transcenden a simple venda de publicacións. Segundo explicou, estes eventos permiten que as historias abandonen temporalmente os andeis das librarías para ocupar as rúas, as prazas e a conversa cidadá. “Falan dunha vila que entende a cultura non como un luxo, senón como unha necesidade”, sinalou, ao tempo que destacou o papel dos libros na creación de pensamento crítico, na alimentación da imaxinación e na construción de cidadanía.

Lago lembrou que durante os próximos días a Alameda será punto de encontro para lectores, autores e profesionais do libro, cunha programación ceha de actividades e que combina literatura, teatro, música, poesía, tradición oral e propostas familiares. A representante das librarías galegas tamén aproveitou para reclamar unha maior atención institucional ao sector ao longo de todo o ano, advertindo de que a cultura, como os cultivos, precisa “coidados constantes para dar froitos”.

O momento máis emotivo da inauguración chegou coa lectura do pregón a cargo da xornalista Carolina Sertal, que reivindicou a capacidade transformadora da lectura a través dun texto titulado Come libros. Nun discurso marcado pola experiencia persoal, lembrou a nena lectora que foi e a importancia que tivo para ela a biblioteca pública de Redondela. A pregoeira evocou os anos nos que descubriu o poder das historias e das sesións de contacontos, citando especialmente a influencia da narradora e escritora Paula Carballeira.

Sertal aproveitou a súa intervención para defender o valor da cultura galega e da literatura en lingua propia, alertando sobre a caída recente do mercado do libro galego.

Ao longo do pregón, tamén reivindicou o papel dos libros como refuxio fronte ás dificultades e como ferramenta de transformación social. “As lecturas son o mellor dos antídotos contra a ignorancia e a morte do intelecto”, afirmou, ao tempo que reclamou unha maior atención ás voces femininas e disidentes da literatura. A súa intervención concluíu cun chamamento a seguir lendo e descubrindo novas historias: “Sigamos comendo libros ata fartar”.

Na súa intervención, a alcaldesa reafirmou o compromiso do Concello co fomento da lectura e coa promoción cultural, defendendo que “ler fainos cidadáns máis libres, máis críticos e máis humanos”. Rivas puxo en valor o traballo das librarías participantes e do sector editorial, aos que agradeceu o seu esforzo. Ademais, destacou que esta edición presenta un marcado carácter local, cun programa pensado para visibilizar o talento creativo e investigador de Redondela.

Entre as actividades máis destacadas citou o encontro do sábado entre o autor Julio Alonso e a gaiteira Rebeca Carrera arredor da evolución da gaita e da muiñeira, así como a presentación do “Calendario histórico de Redondela”, de Juan Migueles, unha obra que definiu como “imprescindible para repensar e coñecer o pasado e a identidade do noso municipio”.

Pola súa banda, o conselleiro José López Campos destacou o valor da lingua galega como un dos grandes patrimonios colectivos do país e como vehículo esencial da creación literaria. Neste sentido, mostrouse optimista ante a crecente implicación da sociedade coa lectura en galego e asegurou que o traballo conxunto de libreiros, editoriais, escritores e administracións está contribuíndo a construír “unha literatura máis vigorosa, máis forte e máis orgullosa”.

López Campos subliñou tamén a relevancia das trece feiras do libro que se celebran anualmente en Galicia. Segundo explicou, máis de 300.000 persoas pasan cada ano por estes eventos.

Tras o acto institucional, as autoridades percorreron as nove casetas instaladas na Alameda Castelao, onde os visitantes poden atopar publicacións cun desconto do 10 % ata o domingo 14 de xuño. Participan nesta edición as librarías A Gata Tola, Boulevar Libraría Edicións, Cartabón, La Imprenta, Moliere, Pedreira, Porto, Rosalía e Compañía, e Uróboros. Todas elas ofrecerán un 10% de desconto en todos os seus exemplares durante estes catro días.

A programación continuará durante toda a fin de semana con espectáculos familiares, obradoiros creativos, poesía, narración oral e concertos.

Cultura para todos os públicos e horarios


A feira, impulsada pola Federación de Librarías de Galicia co apoio do Concello de Redondela, manterá as súas portas abertas en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. A xornada de hoxe complétase co teatro familiar de Pedras de Cartón e a poesía de micro aberto de Branca Trigo. Nos vindeiros días, a carpa de actividades acollerá espectáculos infantís como Os Xogos do Paporrubio, obradoiros creativos con David Rodríguez Paz e Marc Taeger, e o concerto de Paco Nogueiras o domingo como broche de ouro. Desde o Concello de Redondela anímase a toda a veciñanza e visitantes a achegarse á Alameda para festexar as letras e gozar de todas as actividades, que son de acceso totalmente libre e de balde.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará