A Asociación Cultural solicita novamente ao Concello de Redondela que reactive con carácter urxente a petición para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o cargadoiro de mineral do Couto Wagner, situado en Rande, despois de que a Xunta de Galicia acordase incluílo no Catálogo de bens de valor cultural do litoral.
O colectivo considera que esta decisión do Goberno galego supón un recoñecemento oficial do valor patrimonial da infraestrutura industrial e entende que desaparecen así os argumentos que durante anos impediron avanzar cara á súa protección coa máxima figura legal prevista na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.
Segundo lembra Alén Nós, o Pleno do Concello de Redondela aprobou por unanimidade en dúas ocasións, nos anos 2013 e 2020, instar á Xunta a iniciar os trámites para a declaración BIC. Con todo, denuncian que a Administración autonómica non chegou a incoar o expediente, unha situación que cualifican como unha mostra de falta de vontade política para garantir a conservación do enclave.
A asociación sostén que a recente incorporación do cargadoiro ao catálogo do litoral evidencia unha contradición por parte da Xunta. Ao seu xuízo, resulta incoherente recoñecer oficialmente o seu valor cultural e, ao mesmo tempo, manter paralizada a súa protección definitiva.
Obriga de conservación
Alén Nós tamén lembra que o cargadoiro é propiedade da Autoridade Portuaria de Vigo, organismo que no pasado chegou a solicitar o seu desmantelamento alegando o seu estado de deterioración.
Neste sentido, o colectivo subliña que a lexislación patrimonial establece o deber de conservación dos bens culturais por parte dos seus propietarios, incluídas as administracións públicas. Por iso, considera inaceptable utilizar o deterioro derivado de décadas de abandono como argumento para xustificar a súa demolición.
A entidade defende que a declaración BIC permitiría blindar xuridicamente a estrutura fronte a calquera intento de derrubo e obrigaría tanto á Autoridade Portuaria como á Xunta de Galicia a impulsar medidas para a súa restauración e posta en valor.
A asociación destaca ademais que o valor do Couto Wagner transcende o ámbito local e forma parte da paisaxe cultural e industrial da enseada de San Simón e da ría de Vigo. Neste contexto, lembra que o Consello da Cultura Galega xa expresou no pasado a súa oposición ao desmantelamento do cargadoiro e recoñeceu a importancia patrimonial do conxunto histórico de Rande.
Por último, Alén Nós fai un chamamento á corporación municipal de Redondela para manter unha posición común na defensa do patrimonio local e esixirlle á Xunta de Galicia a apertura inmediata do expediente de declaración BIC. O colectivo considera que a protección deste elemento industrial constitúe unha cuestión de interese público e que a conservación do patrimonio histórico non debe quedar condicionada por intereses económicos.









