O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy ven de iniciar as investigacións para repoñer o cruceiro que ata a década dos anos 70 se situaba no Torreiro de Cesantes e que neses anos foi derrubado por un vehículo. Actualmente só se conserva a base mentres que a cruz orixinal atópase na antiga casa reitoral. A Asociación negocia co Concello encargar os traballos de recuperación deste elemento patrimonial ao canteiro e escultor Juan Vázquez.
Explican dende o Obradoiro que do cruceiro orixinal só se conserva na praza a súa base, mentres que parte do capitel e a cruz enteira atópanse pendurados dunha das paredes da antiga casa reitoral. Para recuperar o elemento orixinal sería necesario facer o fuste ou varal e o capitel do que existe unha pequena mostra “o que facilitará a súa reprodución”. Na cruz e na parte do capitel que se conserva explican “aínda se poden observar restos da policromía que lucía no seu momento e que faría ao conxunto moito mais fermoso”.
De cara a avanzar neste obxectivo, o obradoiro mantivo unha primeira xuntanza coa concellería de Patrimonio do Concello de Redondela, que se comprometeu a contactar canteiro e escultor Juan Vázquez, quen conta con numerosos premios pola súa labor artística e que xa ten traballado na recuperación previa do Cruceiro de ánimas do Esteiro. O Obradoiro confía en que “os estudos e obras dean comezo canto antes e se recupere sen mais dilación este elemento patrimonial”.
Engaden que á cruz existente no Torreiro, que no seu momento substituíu ao cruceiro derrubado, sería trasladalo a un lugar próximo á igrexa de Cesantes. Este elemento patrimonial non é un cruceiro senón unha das cruces que formaban parte do Vía Crucis existente a carón da igrexa. De feito, hai aló menos outras tres cruces iguais á do Torreiro; situadas fronte a igrexa, no eido ca antiga casa reitoral e no cemiterio respectivamente.










