A proba deportiva terá lugar o vindeiro 20 de xuño. As inscricións, de balde, xa están abertas na páxina web do Concello de Soutomaior. A Gladiator Kids Race é unha modalidade de carreira de obstáculos pensada para nenos e nenas de entre 3 e 11 anos de idade.s
O evento terá lugar o día 20 de xuño no Peirao de Arcade a partir das 16:30 horas. Poderá participar calquera menor que teña entre 3 e 11 anos, e que deberá ir acompañado ou acompañada por unha persoa adulta durante o transcurso da proba deportiva. En total hai 300 prazas (sen contar as persoas adultas acompañantes) e as inscricións, que son totalmente gratuítas.
Haberá dúas categorías: de 3 a 5 anos, cun percorrido de 500 metros e de 6 a 11 anos, cun percorrido de 900 metros. Só as crianzas superarán os obstáculos, mentres que a persoa adulta acompañante encargarase de dar apoio. A proba empezará ás 16:30 horas mediante un sistema de “Quendas”. Cada 5 minutos sairá unha quenda composta por un máximo de 15 nenos/as cada unha. Dous días antes do evento enviarase a cada participante o horario da quenda na que participará.
Dende o goberno local destacan a aposta por actividades deportivas pensadas para desfrutar en familia, fomentar hábitos saudables e promover valores como o compañeirismo, o esforzo e a diversión. A Gladiator Kids Race é xa unha cita moi especial para moitos nenos e nenas do noso concello e da contorna e animan ás familias a participar e vivir unha tarde diferente no Peirao de Arcade, nun evento pensado para que os máis pequenos sexan os verdadeiros protagonistas.












