A iniciativa está destinada a facilitar a formación de persoas interesadas en obter esta titulación e ampliar as súas oportunidades laborais nos ámbitos educativo, social, cultural e de lecer. A formación desenvolverase no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén e combinará sesións presenciais e en liña ao longo do mes de xullo. O prezo do curso será de 250 euros e as persoas interesadas deben inscribirse antes do 25 de xuño.
As clases telemáticas celebraranse os días 1, 5, 6, 11, 12, 13, 19 e 20 de xullo, mentres que a parte presencial terá lugar do 2 ao 4, do 7 ao 10 e do 14 ao 18 de xullo.
O horario das sesións presenciais será de 9.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 20.30 horas, permitindo así concentrar a formación nun formato intensivo.
Desde o Concello destacan que esta formación constitúe unha oportunidade para adquirir unha titulación oficial con amplas posibilidades de inserción laboral en actividades de tempo libre, campamentos, programas infantís e xuvenís, así como en diferentes iniciativas socioculturais.
Ademais, as persoas participantes terán a posibilidade de realizar as prácticas na propia campaña de verán municipal, unha experiencia que lles permitirá aplicar os coñecementos adquiridos nun contexto real de traballo.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 25 de xuño e as persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula directamente no Concello de Pazos de Borbén.









