Unhas vinte persoas participaron este sábado nunha nova edición de Basuraleza, unha acción ambiental enmarcada no proxecto Libera e coordinada pola Asociación de Veciños de Chapela. A iniciativa ten como principal obxectivo sensibilizar a cidadanía sobre o impacto dos residuos nos espazos naturais e promover a implicación veciñal na súa conservación.
Durante toda a mañá, os voluntarios centraron os seus esforzos na limpeza da contorna do río Fondón, onde lograron retirar preto dunha tonelada de lixo acumulado. Entre os residuos recollidos atopáronse plásticos, papel, cristais e botellas, así como outros obxectos menos habituais que evidencian o abandono incontrolado de desperdicios no medio natural.
Entre os elementos máis chamativos localizados durante a xornada figuran unha macheta, un edredón, diversos mobles e enseres de gran tamaño, como un colchón, ademais de medicamentos desbotados de forma incorrecta.
A actividade volveu poñer de manifesto a importancia da colaboración cidadá na protección dos ecosistemas e a necesidade de manter unha maior conciencia ambiental para evitar a degradación dos espazos naturais.














