Hoxe é Luns 1 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Multiúsos da Xunqueira acolle unha xornada sobre a pesca artesanal en Galicia e no mundo

maricando

A iniciativa Mariscando conCiencias para o Futuro organiza este martes unha sesión dedicada aos retos ambientais, sociais e económicos da pesca artesanal, con experiencias de Galicia, México, Xapón e O Salvador. A xornada desenvolverase no Multiúsos da Xunqueira este martes en horario de 19.00 a 20.30 horas e busca achegar á cidadanía diferentes experiencias vinculadas á pesca artesanal e reflexionar sobre os desafíos que afronta este sector tanto en Galicia como noutras partes do mundo.

Baixo o título “A pesca artesanal ao redor do mundo”, a xornada reunirá investigadoras, mariscadoras e representantes da cooperación internacional para analizar cuestións relacionadas coa sustentabilidade ambiental, o impacto social da actividade pesqueira e as oportunidades de futuro para as comunidades costeiras.

A programación abrirase cun coloquio sobre o marisqueo a pé en Redondela, centrado na súa relación co medio ambiente e no seu impacto social. Nesta mesa participarán as mariscadoras Gloria Rivas e Ana Sotelino, xunto coa investigadora do CIMA Carmen Morales.

A continuación desenvolverase unha mesa dedicada á pesca artesanal noutras rexións do planeta. Nela intervirán Xóchitl, investigadora do CSIC vinculada ao proxecto Mar Social, quen compartirá experiencias de México e Xapón; Elena Ojea, investigadora do Future Oceans Lab da Universidade de Vigo; e Alejandro Quiñoá, da Asemblea de Cooperación pola Paz.

A actividade incluirá tamén a exposición “Mulleres do Mar: O Salvador e Galicia”, unha mostra que pon o foco no papel das mulleres vinculadas ao mar e nas realidades compartidas entre ambas as dúas beiras do Atlántico.

Desde a organización destacan que, aínda que países como Xapón, México ou O Salvador poidan parecer afastados da realidade galega, comparten moitos dos retos que afectan actualmente ao sector pesqueiro, como a presión sobre os recursos mariños, os efectos do cambio climático, a necesidade de garantir condicións de vida dignas para as comunidades costeiras ou a incorporación do coñecemento tradicional ás políticas de conservación.

A iniciativa Mariscando conCiencias para o Futuro busca crear espazos de encontro entre a ciencia, o sector do mar e a cidadanía para imaxinar e construír futuros sostibles na Enseada de San Simón. O proxecto conta co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso a través da convocatoria Arte Cidadá: compoñendo saberes para imaxinar e construír futuros sostibles.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará