A VI Bandeira WOFCO de Traiñeiras de Veteranos, organizada polo Club de Remo Chapela, converteuse na pasada fin de semana nunha cita decisiva para o desenlace da Liga Galega de Traiñeiras de Veteranos. A regata, correspondente á penúltima xornada do campionato, reuniu nas augas de Chapela ás principais tripulacións da competición nunha tarde marcada pola igualdade e a emoción.
Na categoría masculina, o triunfo foi para a embarcación anfitrioa, Chapela, que logrou facerse coa bandeira nunha xornada clave para as aspiracións dos equipos situados na parte alta da clasificación. Pola súa banda, na categoría feminina, a vitoria correspondeu a Cabo da Cruz.
A resolución definitiva da Liga chegou nas augas de Mera, escenario da derradeira xornada do campionato autonómico. O Club do Mar de Mera conseguiu a vitoria na categoría feminina, mentres que Samertolameu se impuxo na masculina na II Bandeira de Veteráns CDM de Mera.
Con todo, os resultados acumulados ao longo da tempada acabaron por outorgar os títulos da Liga Galega de Traiñeiras de Veteráns 2026 a Cabo da Cruz na categoría feminina e a Virxe da Guía na masculina.
Rematada a competición ligueira, o calendario de traiñeiras veteranos encara agora as súas citas máis importantes. O Campionato Galego de Traiñeiras en categoría veteranos xa ten data confirmada: celebrarase en Moaña o fin de semana do 6 e 7 de xuño, entre as embarcacións clasificadas tras os resultados da Liga. Unha campaña que seguirá tendo como escenario principal as augas moañesas, xa que os días 6 e 7 de xuño tamén se disputará o Campionato Galego -Bandeira Xunta de Galicia-.
Pola súa banda, o fin de semana do 13 e 14 de xuño, Meira acollerá un Campionato de España que, en principio, ía ter lugar en Baiona.









