O Club de Patinaxe Arealonga logrou a medalla de bronce na Artistic World Cup Final 2026, unha das competicións internacionais máis prestixiosas da patinaxe artística sobre rodas, celebrada na localidade italiana de Cesena e que se alongará ata o 7 de xuño coa participación de clubs de todo o mundo.
As patinadoras Daniela Puga Gómez, Martina Álvarez Iglesias e Noa Silva Gonzáles, de Chapela, xunto con Clara Pérez Alonso, de Cedeira completaron unha destacada actuación que lles permitiu subir ao terceiro chanzo do podio mundial. A formación chegaba á competición tras semanas de intensa preparación e despois de realizar os adestramentos oficiais previos en Cesena.
O primeiro posto foi para o SCINTILLE, mentres que a medalla de prata recaeu no CPA Gondomar, completando así un podio de gran nivel internacional no que o CPA Arealonga acadou unha meritoria terceira posición.
O traballo realizado ao longo da tempada viu a súa recompensa nun campionato de altísimo nivel, no que as redondeláns demostraron carácter, calidade técnica e unha gran capacidade competitiva.











