Hoxe é Martes 12 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Arealonga FS Chapela pecha unha tempada histórica co infantil feminino como campión galego

WhatsApp Image 2026-05-12 at 10.34.02

O equipo infantil feminino do Arealonga FS Chapela proclamouse campión galego da categoría Preferente e disputará, por primeira vez, o Campionato de España. Un éxito que chega tras unha liga case perfecta e que simboliza o crecemento sostido do club redondelán no fútbol sala feminino.

Iván Vázquez, adestrador e presidente do club, valora o logro con orgullo: “É algo histórico para nós, é a primeira vez que un equipo do noso club se proclama campión galego”. O técnico destaca o traballo de todo o grupo: “As nenas están fortes e contentas de seguir crecendo. Teño a sorte de contar cun grupo fantástico, con uns pais aínda máis fantásticos, polo que é moi fácil facelo todo”. Agradece especialmente o apoio da afección na final: “Levamos dous autobuses, algo impensable. Quero agradecer á xente que sufriu e celebrou connosco que tamén é parte desta vitoria”.

O equipo está formado por 13 rapazas, a maioría de entre 12 e 13 anos. Moitas delas xa forman parte da estrutura do club desde hai tempo, mentres que outras se incorporaron ao longo da tempada. “O éxito é de todas que non perderon ningún partido en toda a liga”, engade Vázquez. A final fronte ao Fisober FS resolveuse nun partido de máxima tensión que acabou en prórroga e penaltis, cun resultado final de 4-5 a favor das de Arealonga.

Ademais, dúas xogadoras do equipo, Carla e Iria, foron convocadas pola selección galega e participarán no Campionato de España sub-12. “Todo o club está orgulloso de que nos representen. É o seu primeiro ano coa selección e para elas é unha experiencia única”, comenta Iván Vázquez.

O equipo segue competindo na Copa Galega, onde xa está en cuartos de final, e ultimando a preparación para o Campionato de España, que se celebrará no mes de xuño.

Balance xeral da tempada

O equipo Alevín (Preferente) mostrou un crecemento “bestial” e alcanzou os oitavos de final da Copa. O cadete feminino tamén compite en oitavos, e o resto das categorías disputan as súas ligas con bos resultados.

No masculino sénior, o obxectivo era a permanencia. Despois dunha primeira volta difícil marcada polas lesións, o equipo reaccionou na segunda metade da tempada e conseguiu salvarse xa de forma matemática. “Ao final, a permanencia xa é un gran éxito para nós”, recoñece Vázquez.

Pola súa banda, o sénior feminino mellorou a clasificación respecto ao ano pasado e rematou en sétima posición da Primeira Furgal, mantendo un grupo unido malia as dificultades.

Campus de verán

Este ano celebran quinta edición do seu Campus de Fútbol Sala, dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 13 anos. Terá lugar no Pavillón Municipal de Chapela nas seguintes semanas:

  • Do 13 ao 18 de xullo
  • Do 20 ao 24 de xullo
  • Do 27 ao 31 de xullo

En horario de 9:00 a 14:00 horas, con opción de plan madrugador e plan canguro. O campus combinará tecnificación, actividades ao aire libre, saídas á praia e moitas sorpresas, sempre co obxectivo de que os participantes “se divirtan, creen novas amizades e aprendan a desfrutar co balón”.

As inscricións están abertas ata completar prazas. Ademais, o club organiza xornadas de portas abertas para quen queira coñecer a estrutura e incorporarse á próxima tempada.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará