A iniciativa Mariscando conCiencias para o futuro, impulsada pola cooperativa Cidadanía xunto con Amarturmar, o Future Oceans Lab da Universidade de Vigo, Artelixo e o Concello de Redondela, chega ao seu remate este venres, 2 de outubro, cunha xornada aberta ao público na Praia da Punta en Cesantes. Unha xornada na que se presentarán parte dos resultados e aprendizaxes dun proxecto desenvolvido ao longo dos últimos meses arredor do pasado, presente e futuro do marisqueo artesanal na enseada de San Simón. O programa inclúe a peza de danza “Á beira, ou como (re)situar o corpo na orilla” con dous pases as 13:00 e ás 19:00 horas.
A iniciativa naceu co obxectivo de poñer en común narrativas e accións que permitan extraer aprendizaxes do pasado para avanzar cara a un futuro sostible dos traballos artesanais do mar, abordando tamén retos como o cambio climático. Ao longo destes meses, o proxecto reuniu diferentes colectivos e ámbitos de coñecemento e empregou tamén a creación artística como ferramenta para reflexionar sobre o sector.
A responsable do proxecto, Ana González, salienta que, aínda que non se atoparon todas as solucións aos problemas que afronta o marisqueo e estes requiren respostas máis multisectoriais, o proceso permitiu avanzar cara a unha visión conxunta e máis positiva, afastándose da mirada pesimista que en boa medida arrastra o sector. Neste sentido, o proxecto serviu para compartir experiencias e coñecementos e abrir novas formas de pensar colectivamente o futuro do marisqueo artesanal.
Entre as propostas desenvolvidas destaca a creación dunha peza de danza colaborativa na que participan mariscadoras de Arcade e Redondela xunto con bailarinas profesionais. “A beira, ou como (re)situar o corpo na orilla” pon en relación os corpos, o territorio e os saberes vinculados ao traballo no marisqueo, e terá dous pases durante a xornada de clausura.
A programación deste venres 2 de outubro comezará ás 12:30 horas cun acto institucional, á que seguirán unha exposición sobre a pesca e o marisqueo. Ás 13:00 horas terá lugar o primeiro pase da dan Á beira, ou como (re)situar o corpo na orilla, coa participación das mariscadoras, seguido dun espazo para compartir pinchos.
Xa pola tarde, ás 17:00 horas, terá lugar o relatorio Mariscando conCiencias para o Futuro, no que se fará balance do traballo realizado durante estes meses e se compartirán as aprendizaxes e reflexións xurdidas ao longo do proxecto.
A programación continuará ás 18:00 horas cun obradoiro familiar de pezas artísticas con lixo mariño, unha actividade coa que se busca tamén chamar a atención sobre a problemática dos residuos no medio mariño. Finalmente, ás 19:00 horas, terá lugar o segundo pase da peza de danza.
A xornada pon así o punto final a un proceso que combinou marisqueo, ciencia, participación e creación artística, e que tamén incluíu accións de sensibilización sobre o lixo mariño e propostas para achegar o coñecemento do oficio do marisqueo a diferentes públicos.














