Hoxe é Xoves 1 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Bea Queiro: “O traballo dos últimos dous anos tivo a súa recompensa no Mundial de Corea”

IMG-20260927-WA0002

Foto de @sandragardini

Beatriz Queiro Campos volve facer historia no taekwondo. A deportista redondelá do club Omnihum regresou do Campionato do Mundo de Taekwondo Poomsae, celebrado en Chuncheon (Corea do Sur), con dúas novas medallas mundiais: unha prata na categoría de parellas +60, xunto ao catalán José Manuel Marín, e un bronce na modalidade individual -65.

Deste xeito, Bea dá continuidade a unha traxectoria internacional que xa lle permitira conquistar o bronce mundial en parellas en Hong Kong en 2024. Entre ambos campionatos, ademais, chegou outro grande éxito: a medalla de ouro no Campionato de Europa de 2025.

Detrás destas novas medallas hai dous anos de preparación. A propia deportista explica que, tras o Mundial de Hong Kong, comezou a traballar pensando xa na seguinte cita mundialista. “Estiven estes dous anos traballando moitísimo para sacar resultados. Sobre todo centrámonos na parte mental, na presencia e na concentración na pista”, sinala. Un período que, segundo recoñece, tamén gozou especialmente: “Foi bonito, gustoume moito o percorrido, o adestramento e toda a proxección cara adiante”.

A competición tiña ademais un condicionante especial: celebrábase en Corea do Sur. “O nivel foi alto e moi duro porque, ao ser en Corea, é a cuna do taekwondo. Esixiuse moitísimo”, explica Queiro, que recoñece que foi complicado ir superando os diferentes enfrontamentos.

Na modalidade de parellas, a redondelá e José Manuel Marín tiveron que enfrontarse a deportistas de diferentes países, entre eles Austria, Finlandia e Gran Bretaña, antes de chegar á final contra Alemaña.

Na final agardaba Alemaña, unha parella que finalmente se fixo co ouro. Bea recoñece a súa superioridade nese enfrontamento: “Creo que nos gañaron por estabilidade. Foron máis estables e máis duros ca nós”. A derrota, con todo, non empanou unha prata que supón mellorar o bronce conseguido dous anos antes.

A viaxe a Corea do Sur tamén deixou unha importante experiencia persoal. Bea nunca estivera antes no país e destaca especialmente a cidade de Chuncheon. A deportista asegura que o choque cultural foi evidente e que lle chamou especialmente a atención a tecnoloxía e o uso dos drons. “Estás como no futuro. É unha cidade moi limpa, moi ordenada e moi nova”, relata.

Beatriz Queiro tamén destaca a presenza galega no Mundial, con deportistas da comunidade competindo en diferentes categorías. Na súa opinión, o taekwondo galego atravesa un momento de crecemento. Tamén valora o crecemento do seu propio club, o Omnihum, ao que define como “un club novo que está avanzando con forza”.

Despois de dous anos centrada na preparación para o Mundial, Beatriz Queiro admite que necesita baixar o ritmo.  O primeiro obxectivo que aparece no calendario é o Campionato Galego, previsto para xaneiro. Despois desa competición decidirá como afrontar o resto da tempada.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará