Jorge Cubela, Digna Rivas, Alejandro Comesaña e Mónica Sueiro
Redondela prepárase para volver viaxar no tempo coa XIII Conmemoración da Batalla de Rande, que este ano reforza o carácter participativo da celebración con novas propostas para o público infantil, actividades no centro da vila e unha ampla programación de pequenas escenas teatrais ou “petiscos” que permitirán coñecer a batalla desde diferentes puntos de vista.
O Concello de Redondela e a Asociación Deportiva e Cultural de Rande presentaron este mércores a programación desta nova edición, que terá como principais escenarios o Museo Meirande e o peirao de Rande, onde durante a fin de semana do 17 e 18 de outubro se recrearán diferentes momentos da histórica batalla naval. O acto institucional contou coa intervención da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o presidente da asociación, Alejandro Comesaña; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela; e a directora teatral, Mónica Sueiro.
Un dos sinais de identidade da celebración volverá ser a recreación teatral. Mónica Sueiro explicou que o obxectivo é contar a Batalla de Rande a través de diferentes personaxes e situacións, combinando figuras históricas con personaxes de ficción. “Con estes petiscos recreamos a visión de diferentes sectores da sociedade da época, desde a xente do pobo ata os criados ou os nobres”, e introducirán tamén unha reflexión sobre a propia guerra.
O humor será outro dos elementos utilizados para achegar a historia ao público. Sueiro defende que existen “moitas formas de contar a historia facendo á xente pensar, pero tamén entretendo”. A directora adiantou ademais que este ano haberá novas escenas e ampliacións doutras que xa se representaron en edicións anteriores. A denominación de “petiscos” responde precisamente a que son pequenas pezas independentes que, no seu conxunto, permiten reconstruír diferentes momentos da contenda desde perspectivas distintas.
As representacións estarán repartidas por diferentes puntos de Rande, entre eles o peirao, a carpa e o interior do Museo Meirande, para evitar concentrar todo o público nun único espazo e permitir que os visitantes descubran tamén diferentes recunchos da contorna.
A programación dará comezo xa o sábado 10 de outubro, no centro urbano de Redondela. As rúas da vila acollerán un ano máis o desfile temático como adianto da gran recreación e tamén se estreará o concurso participativo ‘O Rosco da Batalla de Rande’, unha proposta lúdica coa que os asistentes poderán poñer a proba os seus coñecementos sobre a contenda naval.
Un sábado de recreacións, teatro e lume sobre a ría
O sábado 17 de outubro chegará o groso da programación a Rande. A xornada comezará ás 12:30 horas coa chegada das embarcacións tradicionais e o recibimento das autoridades. Tan só quince minutos despois, ás 12:45 horas, terá lugar o desfile da frota ao ritmo do grupo de gaitas Asubíos.
A recreación histórica continuará durante a mañá con diferentes escenas teatrais. Ás 13:00 horas representarase O cofre da benvida, mentres que ás 13:30 horas chegarán O bastón de Rande e Normas para un bo xantar.
Pola tarde, a partir das 17:00 horas, as escenas centradas na contenda naval irán tomando protagonismo con A decisión (1ª parte) e A descarga. O interior do Museo Meirande acollerá ás 18:00 horas a representación A frota queda en Rande, seguida de A decisión (2ª parte) ás 18:15 horas.
Ás 18:30 horas, o divulgador cultural Xosé Couñago ofrecerá unha charla sobre o patrimonio industrial de Rande.
A programación teatral continuará con As setecentas, ás 19:00 horas, e O inimigo está na ría, ás 20:00 horas.
A música tamén terá o seu espazo nesta xornada, cun concerto de O Son do Río ás 20:30 horas. E ás 21:30 horas, o peirao converterase no escenario do espectáculo pirotécnico ‘Arde o mar’, un dos momentos máis agardados da celebración.
Domingo para os máis pequenos e música tradicional
As actividades continuarán o domingo 18 de outubro, novamente na contorna de Meirande. Ás 11:30 horas terá lugar o desfile da frota, acompañado do recibimento musical do grupo de gaitas Tirapuxa. O grupo tamén poñerá música á escena O cofre da benvida, prevista para as 11:45 horas.
Ás 12:00 horas chegará unha das propostas dirixidas especialmente ao público infantil: o concurso ‘Debuxa a túa batalla de Rande’, unha actividade coa que a organización busca achegar a historia aos máis pequenos e facelos partícipes da celebración. A iniciativa pretende tamén trasladarse aos centros educativos para favorecer a participación do alumnado e dar a coñecer unha parte da historia local que, segundo Digna Rivas, ás veces queda en segundo plano fronte a outros episodios históricos máis coñecidos.
Ao mesmo tempo, o Museo Meirande volverá acoller as escenas no camarote ás 12:00 e 12:15 horas, antes da representación de A descarga, ás 12:40 horas.
A música tradicional será protagonista ás 13:00 horas, co concerto da Rondalla de Redondela. A XIII Conmemoración da Batalla de Rande chegará ao seu remate ás 14:00 horas, coas últimas representacións de época: O bastón de Rande e Normas para un bo xantar.
Recuperar o xantar popular e reforzar a participación veciñal
O presidente da ACD Rande, Alejandro Comesaña, explicou que a organización quere recuperar tamén o xantar popular, unha tradición que pretende reunir á veciñanza ao remate das actividades. “Parécenos de xustiza que é importante que a xente se xunte ao remate dunha festa nun gran xantar para confraternizar arredor da historia”, explicou.
Comesaña quixo poñer especialmente en valor o traballo das persoas voluntarias que fan posible a celebración, así como o apoio das administracións. A Batalla de Rande mantén así unha importante participación da propia veciñanza na preparación das recreacións e no desenvolvemento das actividades.
Nesa mesma liña se pronunciou Digna Rivas, que destacou que unha parte fundamental do valor da celebración está precisamente na implicación dos veciños e veciñas de Rande, Cabanas e Trasmañó. Para a alcaldesa, ese tecido veciñal é “un tesouro que temos” e unha das claves para que a festa siga medrando sen perder o seu carácter local.
Música para acompañar a recreación
A programación completarase con diferentes propostas musicais. O sábado pola mañá será o grupo de gaitas Asubíos o encargado de acompañar o desfile da frota, mentres que o domingo fará o propio Tirapuxa.
Pola tarde do sábado actuará O Son do Río, mentres que o domingo, antes do peche da programación, será a quenda da Rondalla de Redondela.
Desde a ACD Rande animan á veciñanza e ás persoas chegadas de toda Galicia a participar nunha celebración que combina recreación histórica, teatro, música, actividades infantís e patrimonio.
A Batalla de Rande estrea nova imaxe corporativa
Como novidade desta edición, a Asociación Deportiva e Cultural de Rande estrea tamén un novo logo da Batalla de Rande, pensado para dotar a celebración dunha identidade visual propia e facer que a cita sexa facilmente recoñecible en carteis, actividades, comunicacións e diferentes soportes.
A nova imaxe está protagonizada por unha letra ‘R’, en referencia a Rande, entrelazada coa silueta dun galeón, fusionando nun mesmo símbolo o nome da localidade e o carácter naval da conmemoración.











