Hoxe é Xoves 1 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Concello anuncia a reparación do Salgueiral tras meses de queixas da veciñanza polo mal estado da rúa

salgueiral-2

O goberno local confirma que as obras comezarán o 13 de outubro e permitirán corrixir os problemas de firme e drenaxe que presenta o tramo sur da rúa Salgueiral. O Concello explica que a reparación prevista servirá para mellorar o pavimento, a seguridade e a evacuación das augas pluviais. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que son obras “moi necesarias” para solucionar definitivamente os problemas da zona que van garantir “a accesibilidade e mobilidade de peóns e vehículos”.

Segundo comunicou o Concello, os traballos comezarán o vindeiro 13 de outubro e terán un prazo estimado de execución dun mes, sempre que as condicións meteorolóxicas permitan desenvolver as actuacións con normalidade. O goberno local asegura que a intervención permitirá solucionar os problemas de firme e drenaxe e mellorar a accesibilidade e a seguridade tanto de peóns como de vehículos.

O anuncio prodúcese meses despois de que residentes do Salgueiral fixesen públicas as súas queixas polo estado da rúa. Xa en febreiro deste ano, veciñas da zona denunciaban a aparición de fochancas e grandes charcos que, segundo explicaban, chegaban a facer a vía “completamente intransitable”.

As queixas centrábanse especialmente na acumulación de auga durante os episodios de choiva. As veciñas explicaban que se formaban “enormes charcos” e que incluso chegaba a entrar auga polas baixadas dos garaxes. Tamén relataban que durante os meses de verán a situación provocaba unha importante acumulación de po.

Agora, o Concello confirma que acometerá unha actuación que, segundo explica, non consistirá nun simple parcheado superficial, senón nunha restitución completa do sistema de firme.

O proxecto contempla a demolición integral do pavimento danado, a construción dunha nova base estrutural e a instalación dunha reixa central conectada á rede de augas pluviais. O obxectivo, segundo o goberno local, é evitar os empozamentos de auga que se producen actualmente.

A intervención incluirá tamén unha nova soleira de formigón como acabado do firme, coa intención de mellorar a súa durabilidade e evitar a aparición de pezas soltas.

A alcaldesa, Digna Rivas, cualifica a actuación de “moi necesaria” e asegura que permitirá “solucionar definitivamente os problemas de drenaxe superficial”, garantindo a accesibilidade e a seguridade de peóns e vehículos.

O Concello advirte de que os traballos provocarán afeccións á circulación e aos accesos que comunicará previamente á veciñanza da rúa Salgueiral.

O Concello sinala ademais que as deficiencias se produciron despois das obras de humanización das rúas As Cardosas, Salgueiral e Ernestina Otero, en Vilavella, e indica que realizou formalmente o requirimento previo á empresa responsable dos traballos antes de iniciar esta reparación.

A actuación municipal dá resposta así a unha problemática que a veciñanza viña sinalando desde meses atrás. Na súa denuncia de febreiro, os residentes cuestionaban que unha intervención cun investimento anunciado de arredor dun millón de euros presentase problemas de pavimento e drenaxe pouco tempo despois da súa execución.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

  1. O mais importante da nova é este parágrafo:

    O Concello sinala ademais que as deficiencias se produciron despois das obras de humanización das rúas As Cardosas, Salgueiral e Ernestina Otero, en Vilavella, e indica que realizou formalmente o requirimento previo á empresa responsable dos traballos antes de iniciar esta reparación.

    Pero non lle dades resposta dende Radio Redondela; quen vai pagar estas novas obras? Estaba mal deseñado a humanización inicial? Mala execución da humanización?.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará