Foto: As mobilizacións veciñais neste 50o anos lideradas pola Asociación foron indispensable para acadar servizos
A Asociación de Veciños de Chapela celebra esta fin de semana o seu 50 aniversario cunha programación especial que terá o seu momento central o sábado, ás 18:00 horas, na Alameda Rosalía de Castro. Será unha tarde para lembrar e recoñecer ás persoas que fixeron posible cinco décadas de traballo colectivo, con homenaxes aos distintos presidentes que estiveron á fronte da entidade ao longo da súa historia. A música tamén terá un papel protagonista, coas actuacións do grupo tradicional Anaquiños e da banda de rock galego Paraphernalia. Durante o acto presentarase tamén un libro que percorre os cincuenta anos de historia da Asociación de Veciños de Chapela.
A entidade quere aproveitar esta celebración para poñer en valor o traballo de todas as persoas que, ao longo destes anos, contribuíron a construír e manter vivo o movemento veciñal en Chapela, cunha homenaxe especial as persoas que exerceron o cargo de presidentes.
Outr dos actos centrais é a presentación dun libro, froito dun intenso traballo de investigación realizado por Brais, vogal de Xuventude da Asociación, que entrevistou directamente persoas que formaron parte da entidade ao longo da súa historia.
Aínda que a Asociación de Veciños se legalizou o 8 de agosto de 1976, a veciñanza xa estaba organizada desde había dous anos. A situación política do momento impedía a súa legalización, polo que durante ese tempo a actividade veciñal desenvolveuse desde a clandestinidade.
O libro repasa as principais loitas e conquistas da Asociación ao longo destas cinco décadas. A chegada da auga potable e do saneamento, a construción do instituto, do centro de saúde, do pavillón polideportivo e do edificio multiusos, ou as melloras no transporte son algúns dos avances nos que a entidade tivo un papel activo.
Logros que hoxe forman parte da vida cotiá de Chapela, pero que, como lembra Brais, foron froito da organización e da mobilización veciñal.
«Case todo o que existe agora ten unha loita detrás», sinala. Unha mobilización que, segundo explica, foi tamén determinante para preservar o espazo da actual Alameda Rosalái de Castro “sen a loita vecinal a actual Alameda de Chapela sería un boque de edificios”.
A publicación dedica tamén espazo ao patrimonio histórico e etnográfico da parroquia, así como ao patrimonio inmaterial, con referencias ás festas e aos eventos culturais e deportivos promovidos pola Asociación ao longo destes anos.
Fotografías antigas, documentos históricos, actas, recortes de prensa, planos e testemuños completan unha obra que permite reconstruír a evolución de Chapela e coñecer as principais reivindicacións e loitas veciñais das últimas cinco décadas. A edición contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Concello de Redondela.











