A Asemblea pola Defensa da Sanidade Pública convoca unha nova concentración este martes ás 20.00 horas diante do ambulatorio para denunciar a “situación límite” que vive o servizo sanitario no municipio “coa metade das prazas médicas sen cubrir e a quenda de tarde sen servizo” e reclamar solucións urxentes á Consellería de Sanidade.
A plataforma alerta de que o ambulatorio funciona actualmente “baixo mínimos”, cunha carencia de profesionais que, aseguran, está a deteriorar gravemente a atención á veciñanza. Segundo denuncian, das 14 prazas de facultativos existentes, 7 permanecen vacantes, o que deixa especialmente afectada a quenda de tarde, actualmente sen médicos.
Os convocantes fan un chamamento á participación da veciñanza de Redondela, Chapela, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes, así como do persoal sanitario e colectivos sociais preocupados pola situación da sanidade pública.
Desde a Asemblea advirten de que a falta de cobertura das vacantes obriga a moitos pacientes a recorrer ás urxencias hospitalarias ou soportar longas esperas para conseguir cita. “Ter médico pola tarde non pode converterse nun luxo”, sinalan desde o colectivo, que acusa á Xunta de permitir un “desmantelamento progresivo” da Atención Primaria.
A mobilización tamén pon o foco no financiamento sanitario. A plataforma lembra que o recente informe do Consello de Contas sitúa o investimento galego en Atención Primaria no 12 % do gasto sanitario total, lonxe do 25 % recomendado pola Organización Mundial da Saúde.
Entre as principais reivindicacións da protesta figuran a cobertura inmediata de todas as vacantes médicas, o reforzo dos servizos de Saúde Mental e a redución das listas de espera tanto en Primaria como na atención especializada.









