Hoxe é Luns 5 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Feira comercial “Redondela no camiño” xa ten data de celebración: os días 23 e 24 de outubro

redondelano camiño

A Feira Comercial “Redondela no Camiño” chega os días 23 e 24 de outubro cunha programación que combina comercio, artesanía, gastronomía, cultura e participación cidadá. Un total de 19 postos instalaranse na rúa Ribeira no que será o epicentro dunha feira que se completará cunha ruta comercial con arredor de medio cento de establecementos, o pasaporte Redondelano, a exposición “Redondela: A historia da vila comercial” e a proposta artística “Sentarte no Camiño”. A iniciativa prevé un retorno económico directo de 100.000 euros.

O espazo feiral instalarase ao longo da Rúa Ribeira e contará cun máximo de 19 postos, debido ás características e limitacións do emprazamento. De feito, dende a Asociación de Empresarios lembran que a proposta inicial era instalar este evento no aparcamento de Vilavella, pero que a negativa do Concello a ceder este espazo obrigou a buscar unha ubicación alternativa.

A campaña desenvolverase ao longo das dúas xornadas, e os postos situados na zona feiral permanecerán abertos en horario continuo, de 10:00 a 20:00 horas, ofrecendo ao público unha ampla variedade de propostas comerciais, artesanais e gastronómicas. Paralelamente, a clientela poderá achegarse a Ruta Comercial, que nesta edición reunirá arredor de medio cento de establecementos implicados en actividades, decoración temática e accións de interacción comercial vinculadas ao Pasaporte Redondelano, reforzando así a participación do tecido empresarial da vila.

A proposta conta co respaldo da Xunta de Galicia e do Concello de Redondela, que quixo deixar claro que a negativa a situar en Vilavella o punto focal da campaña non implica falta de apoio á iniciativa.

A presentación celebrada o pasado venres contou coa participación da Xunta de Galicia, que destacou o carácter extraordinario da campaña e a súa capacidade para reforzar a conexión entre o comercio local e a historia da vila. O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, subliñou que “Redondela no Camiño” é unha das cinco campañas mellor valoradas na convocatoria autonómica, apoiada pola Xunta dentro das axudas aos Centros Comerciais Abertos, cun investimento global de máis de 2,35 millóns de euros para 56 entidades en toda Galicia . O Executivo galego salientou a posición estratéxica de Redondela como punto de confluencia das dúas variantes do Camiño Portugués —a Central e a da Costa— e puxo en valor unha iniciativa que transforma o fluxo de peregrinos e visitantes nunha oportunidade para dar visibilidade ao comercio de proximidade e xerar novas sinerxías económicas e sociais.

Pola súa banda, a Asociación de Empresas destaca que a campaña busca atraer visitantes, reforzar o consumo de proximidade e consolidar Redondela como destino comercial e cultural vinculado ao Camiño de Santiago.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará