Hoxe é Xoves 17 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Esperas de máis dun mes para unha cita médica no Centro de Saúde de Redondela que segue sen quenda de tarde

centro_de_saude-3

Conseguir unha cita para o médico de cabeceira no Centro de saúde de Redondela supón ter que esperar ata mes e medio. Así o pode comprobar calquera paciente que estes días tente obter unha consulta na atención primaria. Unha situación que se agravou durante os meses de verán co peche da quenda de tarde e as vacacións e permisos dos facultativos que traballan neste Centro. Ante esta “crise sanitaria” a Asemblea pola Sanidade pública anuncia que se retomarán as mobilizacións con protestas o segundo martes de cada mes.

Unha plataforma que denunciaba antes do verán a existencia de numerosas prazas vacantes nos centro de saúde “que o Sergas non estaba a cubrir” e o peche da quenda de tarde en Redondela. A situación, lonxe de mellorar empeorou durante o verán debido ás vacacións e ás xubilacións do persoal sanitario o que leva a que as listas de agarda se incrementasen nas últimas semanas chegando incluso a superar o mes de espera.

Lorena Cabaleiro, Asemblea pola sanidade pública de Redondela

Os e as pacientes que teñen asignada a atención en horario de tarde continuarán, polo de agora, sen este servizo. Segundo explica a plataforma, polo menos ata novembro o centro permanecerá sen quenda de tarde, xa que os médicos que atendían nese horario foron trasladados á mañá para cubrir baixas ou outras ausencias de persoal.

Durante o verán rexistrouse unha lixeira melloría na atención nos centros de Fornelos de Montes e Pazos de Borbén, onde se reforzou o servizo cun médico máis durante o período vacacional. Un reforzo, con todo, que rematou coa chegada de setembro e deixou novamente a atención nunha situación de precariedade, segundo denuncia a plataforma.

Para esixir que se dote estes centros de saúde dos médicos necesarios para atender á cidadanía –especialmente no caso de Redondela que absorbe tamén os casos de urxencias de toda a contorna- a Asemblea pola Sanidade Pública retomará as mobilizacións o vindeiro 13 de outubro. As concentracións repetiranse o segundo martes de cada mes.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará