Amoedo acolle este venres 18 un concerto protagonizado por Acouga e Malfinde, dúas formacións da escena musical galega que se reunirán para ofrecer unha noite de rock con entrada gratuíta.
A actuación terá un carácter especialmente emotivo para Acouga, banda de Pazos de Borbén, xa que o concerto servirá como despedida de Carlos de Castro, guitarrista e vocalista da formación, que marcha temporalmente ao Canadá. O grupo explica que esta será a última actuación de Carlos con Acouga antes da súa marcha, aínda que a banda continuará a súa actividade durante a súa ausencia.
Acouga naceu como proxecto musical en Pazos de Borbén e comezou a publicar temas propios en 2022, despois de varios anos compartindo música. O seu son sitúase principalmente no ámbito do post-hardcore, combinando a contundencia do metal e o hardcore con elementos melódicos.
Xunto a eles estará Malfinde, banda que nacía en 2017 baixo o nome de Chaleco Reflectante e posteriormente evolucionou ata converterse en Malfinde, cunha proposta que combina pop-punk e pop alternativo, caracterizada polas guitarras, as melodías e un directo enérxico.










