As axencias de viaxes viviron esta semana días de intensa actividade coa chegada do novo período de reservas das viaxes do Imserso. Centos de xubilados achegáronse desde primeira hora aos establecementos coa intención de facerse cunha das prazas máis demandadas, nunhas xornadas marcadas polas colas, as reservas e a rapidez coa que se esgotaron algúns destinos.
As illas foron, unha vez máis, as grandes protagonistas. Baleares e Canarias concentraron boa parte da demanda, especialmente entre os maiores que buscan sol, boas temperaturas e uns días de descanso.
A elevada demanda provocou que algunhas destas prazas se esgotasen en cuestión de minutos, deixando a moitos usuarios sen o destino que tiñan previsto.
Nayara VIruleg dende a Axencia Talión falaba dalgún cliente que comezou a facer cola as tres da madrugada.
Ante esta situación, as axencias animan os interesados a non desistir e a consultar de novo nos próximos días. As baixas e cancelacións de última hora poden facer que se liberen novas prazas e permitan acceder a destinos que inicialmente aparecían como completos.
Entre as alternativas máis solicitadas están diferentes puntos da costa andaluza, como Málaga, Benalmádena ou Fuengirola, ademais de Gandía e Peñíscola, na Comunidade Valenciana, e distintos destinos da costa de Murcia, Valencia e Cataluña.
Os prezos, que habitualmente se sitúan entre os 200 e os 400 euros segundo o destino e as características da viaxe, contribúen tamén ao elevado interese por este programa.
Parellas e, sobre todo, grupos de amigos son os perfís que máis frecuentan as axencias nestes días para organizar as súas vacacións.
Para os profesionais do sector, trátase dunha semana de moito traballo, na que o principal obxectivo é intentar satisfacer as peticións dos clientes. Non sempre é posible, especialmente cando determinadas prazas desaparecen rapidamente do sistema, pero as axencias recomendan manterse atentos e seguir intentándoo.
“Moitas veces un destino aparece como completo e, despois, por unha baixa ou unha cancelación, volve quedar algunha praza dispoñible”, explican desde o sector. Por iso, a recomendación para aqueles que non conseguiron o destino que buscaban é clara: continuar consultando, porque aínda poden xurdir novas oportunidades e valorar tamén utras destinos como poida ser o interior da península, onde adoitan quedar prazas baleiras.









