Hoxe é Luns 14 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela non logra “derrocar” a Alfonso XII

alfonso XII

Dous anos despois de que o pleno municipal aprobase o cambio de nome da céntrica rúa Alfonso XII de Redondela, polo de agora non hai cambios no rueiro nin movementos que apunten nesa dirección.

Na sesión plenaria celebrada en setembro de 2024, PSOE, BNG e AER votaron a favor dunha moción que defendía substituír o nome da rúa e contemplaba como alternativa a denominación de Rúa da Fraternidade. Malia o rexeitamento do Partido Popular, o goberno local anunciara daquela a apertura dunha enquisa para determinar o novo nome da vía. Porén, esa consulta nunca chegou a realizarse.

A proposta xa fora polémica no seu día, con defensores e detractores do cambio facendo oír as súas voces. Así, residentes da rúa presentaran máis dun milleiro de sinaturas en contra da modificación. Os veciños argumentaban o carácter histórico do nome de Alfonso XII, que fora aprobado en sesión ordinaria en 1875, hai xa máis de 150 anos, e advertían tamén dos prexuízos burocráticos que un cambio de denominación podería ocasionar ás persoas residentes na zona.

José Martínez Crespo daba voz naquela altura aos veciños contrarios á modificación.

Pola súa banda, os vinte colectivos que reclamaban o cambio de denominación defendían que o bautismo da rúa como Alfonso XII respondía a unha campaña de lexitimación da monarquía e consideraban que non había razón que xustificase manter o nome nunha das vías máis céntricas da vila. A súa proposta era substituílo por Rúa da Fraternidade.

Quino Vilas era o encargado de defender naquela sesión plenaria a nova denominación e o cambio no rueiro. Argumentaba que, “malia entender o apego emocional de moita xente con ese nome, é preciso estar ao compás dos tempos e buscar nomes amables, cargados de valores”, como Rúa da Fraternidade, “un xeito de dar a benvida a todas as persoas que chegan a Redondela”. Vilas insistía ademais en que “Alfonso XII nada fixo por Redondela e, por tanto, nada lle debemos”.

Finalmente, os votos favorables de PSOE, BNG e AER permitiron aprobar a proposta. Daquela anunciouse que a rúa mantería provisionalmente o nome de Alfonso XII ata a celebración da enquisa anunciada polo goberno local, coa que se pretendía elixir a nova denominación para o tramo comprendido entre a praza de Ribadavia e a praza da Constitución.

Dous anos despois, aquela consulta popular nunca chegou a celebrarse e Alfonso XII continúa, polo de agora, no rueiro de Redondela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará