Hoxe é Luns 14 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Obras de asfaltado en Cedeira e Cesantes por valor de 110.000 euros

camiño Outiz de Abaixo

O Goberno local dá luz verde á pavimentación do Camiño Outiz de Abaixo, no Barrio Portela cun orzamento de máis de 50.000 euros. As actuacións inclúen tamén un proxecto de máis de 59.000 euros para reasfaltar e canalizar as augas pluviais en tres camiños de Cesantes: Eido da Andrea, Panquente e Fonte do Rial. O investimento total supera os 110.800 euros.

O Concello de Redondela continúa co seu plan de modernización de infraestruturas e mellora da seguridade viaria nas súas parroquias coa adxudicación de dous proxectos de pavimentación para camiños públicos. Trátase das obras de mellora estrutural do Camiño Outiz de Abaixo (no Barrio Portela) e do acondicionamento dos viais Eido da Andrea, Panquente e Fonte do Rial (en Cesantes).

O proxecto do Camiño Outiz de Abaixo, cun orzamento de 51.484,27 euros, esténdese sobre unha lonxitude de 206 metros. Inclúe unha mellora viaria coa ampliación do camiño pola marxe esquerda tras pasar o túnel da vía do tren. Na marxe dereita pavimentarase unha explanada como zona de agarda para facilitar o cruzamento de vehículos.

En paralelo, o Concello adxudicou a intervención nos camiños Eido da Andrea, Panquente e Fonte do Rial por un importe de 59.371,25 euros. Neste caso, os traballos mellorarán un trazado de 606 metros. Contarán cunha nova capa de rodadura de asfalto e previamente fresarase o acceso ás fincas para evitar que a auga entre nas propiedades privadas. Executarase unha rede de recollida de pluviais ao longo das marxes de Eido da Andrea e Panquente. Na entrada do camiño Fonte do Rial demolerase a acera actual e construirase unha nova cunha soleira de formigón armado.

Segundo explicou a alcaldesa, Digna Rivas, trátase de viais moi transitados nos que o firme presentaba un avanzado estado de deterioración, polo que “estas intervencións non son só unha mellora estética, senón unha necesidade urxente para garantir a seguridade viaria e solucionar os problemas de canalización de augas que afectaban directamente ás vivendas e leiras da contorna”. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, subliñou a transcendencia destas actuacións para o benestar diario dos residentes, destacando que con estes traballos “dáse resposta a demandas veciñais que dende hai moitos anos estaban a agardar por unha solución definitiva”.

Estas obras están incluídas no Plan de Investimentos dos Camiños Municipais, que inclúe 72 vías de todas as parroquias cun orzamento total de 2,7 millóns de fondos propios.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará