O sindicato denuncia a falta de recursos para atender o novo ciclo de FP Básica e reclama unha nova praza de Pedagoxía Terapéutica
A CIG-Ensino apoia as reivindicacións do claustro do IES Pedro Floriani de Redondela ante a falta de resposta da Consellaría de Educación ás necesidades de persoal do centro para este novo curso. O instituto incorpora este ano un novo Ciclo de FP Básica, pero a administración educativa non aumentou o cadro de profesorado. Ademais, o centro reclama unha nova especialista de Pedagoxía Terapéutica (PT) para poder atender as necesidades educativas detectadas no alumnado.
A central sindical esixe á Consellaría que faga público o anunciado incremento de docentes, detallando a distribución por especialidades e centros. Segundo denuncia, a información que está recibindo dos institutos non se corresponde cos anuncios realizados pola Xunta. “Son numerosos os centros que non ven atendidas as súas demandas e que deben afrontar o novo curso con recursos insuficientes”, sinala a CIG-Ensino.
No caso do IES Pedro Floriani, a situación complícase coa posta en marcha este curso do novo ciclo de FP Básica e coa reorganización do horario lectivo. Malia estas novas necesidades, o centro non recibiu máis profesorado, unha circunstancia que obriga a reorganizar os grupos e afecta tamén ao alumnado do Bacharelato de Artes.
Esta situación afecta especialmente aos estudantes de Artes Plásticas, Imaxe e Deseño de 1º e 2º de Bacharelato, que deberán ser distribuídos entre os grupos de Humanidades e Ciencias Sociais e de Ciencias e Tecnoloxía. As familias xa trasladaron tanto ao centro como á Consellaría de Educación o seu desacordo con esta medida, que estaría motivada pola falta de persoal docente suficiente.
A CIG-Ensino lembra que a implantación do Bacharelato de Artes no municipio foi froito dunha reivindicación das familias de Redondela, que durante anos reclamaron poder cursar estes estudos nun instituto da localidade. A demanda levou á realización de obras e á ampliación do IES Pedro Floriani para habilitar os espazos necesarios. Agora, denuncia o sindicato, “cando existen os espazos”, a falta de profesorado condiciona a organización desta ensinanza.
Á falta de docentes súmase a ausencia dunha resposta positiva á petición dunha nova praza de Pedagoxía Terapéutica. O centro solicitou formalmente este incremento de persoal tras detectar diferentes necesidades de atención educativa e remitiu á Consellaría os informes correspondentes para xustificar a petición. Porén, esta demanda non foi atendida na adxudicación de profesorado para o curso 2026/27.
Para a CIG-Ensino, o caso do IES Pedro Floriani evidencia a “distancia existente entre os anuncios da Consellaría e a realidade que viven os centros educativos”. O sindicato considera que non é aceptable que a falta de recursos obrigue os institutos a modificar a súa organización, limitar a oferta educativa ou reducir as posibilidades de atención individualizada ao alumnado.









