Pablo Garrido, Gonzalo Outeiro e Olalla Obelleiro no CEIP Manuel Padín Truiteiro
O Concello de Soutomaior ten xa preparados os centros educativos municipais para o inicio do novo curso escolar. Os concelleiros de Educación, Gonzalo Outeiro, e de Obras, Pablo Garrido, visitaron este luns o CEIP Manuel Padín Truiteiro e a escola infantil A Galiña Azul para comprobar o estado das instalacións e revisar as actuacións de mantemento realizadas durante as últimas semanas.
No CEIP Manuel Padín Truiteiro acometéronse traballos de limpeza dos muros dos patios, desbroce e acondicionamento das zonas exteriores, ademais da revisión dos azulexos dos vestiarios do pavillón. Tamén se realizaron labores de pintura no ximnasio e no comedor, así como o mantemento da baranda exterior do patio, coa reparación dos seus ancoraxes e posterior pintado.
Entre as actuacións tamén figura a colocación de estores na aula de 1ºB e no ximnasio, que xa se atopan no centro. Os responsables municipais aproveitaron a visita para comprobar directamente o resultado dos traballos e recoller novas necesidades de cara ao desenvolvemento do curso.
A visita contou coa presenza das directoras dos dous centros, Olalla Obelleiro, do CEIP Manuel Padín Truiteiro, e Pilar Fernández, da escola infantil A Galiña Azul. O encontro permitiu coordinar coas direccións as intervencións necesarias e establecer as prioridades de mantemento.
No caso da Galiña Azul, os traballos centráronse na revisión do sistema de aire acondicionado, o arranxo de manillas e portas, a substitución do pavimento da aula 2-1 e a renovación das luces. Actuacións destinadas a garantir que o alumnado máis pequeno conte tamén con espazos adecuados para o comezo da actividade educativa.
Desde o Concello sinalan que estes traballos forman parte do mantemento continuo das instalacións educativas municipais, co obxectivo de que alumnado e profesorado dispoñan de espazos seguros e en boas condicións. O concelleiro de Educación, Gonzalo Outeiro, destacou a importancia de manter unha comunicación constante cos equipos directivos para detectar necesidades e poder darlles resposta con rapidez.
Pola súa banda, o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, puxo en valor o labor desenvolvido polos servizos municipais para deixar a punto os centros educativos antes do inicio do curso, tanto mediante as actuacións realizadas como a través do seguimento das necesidades que poidan xurdir ao longo do ano escolar.









