Hoxe é Martes 25 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Memoria e aventura para esta tarde en Redondela con dous plans gratuítos

757656845_1352538357073024_8576193866028123774_n

Redondela conta este martes, 25 de agosto, con dúas actividades gratuítas incluídas na programación municipal para achegar á veciñanza e aos visitantes o patrimonio, a historia e o medio natural do municipio. As propostas desenvolveranse esta tarde e combinarán un roteiro centrado na memoria das mulleres de Redondela cunha actividade de orientación para público xuvenil en Vilar de Infesta.

Ás 19:00 horas, Soledad Chayán será a encargada de guiar o roteiro “As mulleres da vila: da memoria á historia”, unha ruta a pé que pretende recuperar a memoria de mulleres que tiveron un papel relevante na historia local pero que quedaron silenciadas ou esquecidas co paso do tempo.

O percorrido incluirá distintas paradas, entre elas a praza de Ponteareas, onde se abordará a historia das mulleres do Convento de Vilavella e a lenda da Moura; a contorna da antiga fábrica de Regojo, como exemplo da importancia da man de obra feminina na industria téxtil; e a Casa da Torre, onde se dará a coñecer a figura de Carolina García Tenreiro, mestra e política do Partido Republicano Radical que en 1934 se converteu na primeira muller en ocupar unha concellería en Redondela.

O roteiro permitirá tamén recuperar as historias doutras mulleres vinculadas á vila, como as “madriñas” de San Simón, Ernestina Otero, Rita Regojo, Lola “a Jamaica” ou Josefa Puga “a Garavilla”, poñendo en valor a súa contribución á identidade e á historia de Redondela.

A participación nesta actividade é de balde, pero é necesario realizar inscrición previa na Oficina de Turismo, no teléfono 986 401 713 ou a través do correo electrónico turismo@redondela.gal.

Paralelamente, tamén ás 19:00 horas, terá lugar en Vilar de Infesta a actividade “Orientaventura Cultural”, unha proposta ao aire libre que combina a orientación con xogos e probas relacionadas co patrimonio. A iniciativa está dirixida a rapaces e rapazas de 10 a 15 anos e busca fomentar a diversión, a cooperación e a capacidade de orientación mentres se descobren diferentes elementos do patrimonio local.

A actividade desenvolverase ata as 21:00 horas e os participantes deberán organizarse en grupos de entre seis e oito nenos e nenas, sendo necesario que cada equipo conte como mínimo cunha persoa adulta para acompañalo. A organización facilita os mapas e materiais necesarios, ademais de contar con monitores, seguros e os correspondentes permisos.

Deste xeito, o Concello de Redondela propón para esta tarde dúas actividades diferentes pero cun obxectivo común: coñecer e poñer en valor o patrimonio local, ben a través da recuperación da memoria histórica das mulleres da vila ou mediante unha actividade de orientación pensada para o público máis novo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará